O Concello recupera, ademais, a programación escénica suspendida por mor da pandemia, e recolócaa entre os meses de outubro e novembro.
O Concello de Lugo vén de anunciar as novas datas para os espectáculos organizados pola área de Cultura que foron adiados debido á crise sanitaria do COVID-19. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo lembrou que “a XX edición da Mostra de Teatro Clásico, xunto coas actividades da programación do primeiro semestre que se ían realizar a partir do 12 de marzo, tiveron que suspenderse co inicio da pandemia”.
Do 6 ao 16 de setembro, seis representacións farán parte da Mostra de Teatro Clásico, recuperada polo Concello despois de que en 2019 quedase diluída no medio da programación ordinaria de artes escénicas.
Arroxo afirmou que desde a área de Cultura se contactará coas persoas que adquiriran entradas mediante correo electrónico, informándoas das novas datas e do proceso a seguir para solicitar a devolución das mesmas. Segundo Rubén Arroxo, “as entradas xa adquiridas serán válidas para as novas datas”. Ademais, segundo informou Arroxo, “puxéronse á venta no portal de venta de entradas do Concello de Lugo as entradas aínda dispoñibles para os espectáculos, de xeito que as persoas interesadas poidan asistir”.
A área de Cultura garantirá o cumprimento das medidas ditadas polas autoridades sanitarias para o desenvolvemento destas actividades de maneira segura.
Novas datas da XX Mostra de Teatro Clásico
- 6 setembro 20:30 Todas hieren y una mata de Ay Teatro
- 8 setembro 18:30 Y los sueños, sueños son de Tropos Teatro
- 10 setembro 20:30 Casa o Rei de Ibuprofeno Teatro
- 13 setembro 20:30 Entre bobos anda el juego de CNTC e Noviembre
- 15 setembro 18:30 Lázaro de Tormes de Pedras de Cartón
- 16 setembro 20:30 Ricardo III de Kamikaze producciones
Máis info sobre os espectáculos da Mostra de Teatro clásico aquí.
Novas datas para a programación cultural adiada do 1º semestre
- 18 outubro 18:30 Falar por falar de Volta e dalle teatro
- 25 outubro 18:30 Celebraré mi muerte de Joan Fernández
- 1 novembro 18:30 Pínconús de Pínconús teatro
- 6 novembro 20:30 Leira de Nova galega de Danza
- 8 novembro 18:30 O mellor dos 4 elementos de Pepe Vaamonde Grupo
- 13 novembro 20:30 As vacacións máis longas de Diego M. Buceta
- 15 novembro 18:30 Mai mai de Baobab Teatro
- 22 novembro 18:30 A furia necesaria de Aldaolado
- 29 novembro 20:30 Crónicas do Paraíso de Sarabela Teatro