in

Narón programa unha decena de espectáculos para público familiar de setembro a decembro

ViravoltaPeDaCama |
As entradas para os espectáculos desta oferta cultural, dirixida a público infantil, xuvenil e familiar, están xa á venda na billeteira do Pazo da Cultura.

 

A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade da programación dos espectáculos que se poderán ver entre os meses de setembro e decembro no Pazo da Cultura de Narón. “Trátase dunha programación variada e de calidade, dirixida ao público infantil e xuvenil e con artistas de recoñecido prestixio, que constata un ano máis a firme aposta que o Concello de Narón realiza a través do Padroado da Cultura por esta área na nosa cidade”, manifestou Ferreiro.

A primeira das citas programadas no Pazo será o domingo 20 de setembro ás 18.00 horas cando a compañía Fantoches BAJ subirá áo escenario co espectáculo de monicreques Os golfiños e o xigante, unha fábula de superación con final feliz que foi Premio Barriga Verde de textos para monicreques na súa modalidade infantil no 2016.

O domingo 4 de outubro ás 18.00 horas, a compañía I wanna management, S.L. leva ao escenario o espectáculo Rock en familia. Descubriendo a The Beatles no que a través de contacontos e unha grande banda tributo descúbrese nesta ocasión á banda recoñecida como a máis exitosa comercialmente e a máis encomiada pola crítica na historia da música popular.

O domingo 11 de outubro ás 18.00 horas a compañía SESNARMIGA S.L. traerá ao Pazo o espectáculo Rock en familia. Descubriendo a Queen. Nesta ocasión a música e o contacontos descubriranos a Queen, calificado nunha enquisa da BBC no ano 2007 como “o mellor grupo británico de todos os tempos”.

O domingo 18 de outubro ás 18.00 horas será o turno da compañía Teatro de Malta con Cenicienta siglo XXI, un espectáculo no que rir, emocionarse, soñar e amar, que se asenta sobre a idea de que as persoas protagonistas dos grandes cambios sociais que habemos de ver, están sentados no patio de butacas.

O domingo 25 de outubro, ás 18.00 horas, a compañía Viravolta títeres trae ao escenario do Pazo soños cheos de humor, de perigos, de sobresaltos, de monstros e de aventuras, Contos ao pé da cama. Dirixido aos máis pequenos, combina distintas técnicas de manipulación (varas, fíos, sombras e luva).


Publicidade

O domingo 1 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Títeres cachirulo representará o espectáculo Xurásico perdido cun arqueólogo, Florentino Amechuino, que descobre un dinosaurio do xurásico moi peculiar.

O domingo 8 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Vol music events trae un musical, Recuérdame: el tributo a Coco, baseado nunha das películas máis entrañables de todos os tempos e que emocionará a público de todas as idades.

O domingo 15 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Teloncillo ofrecerá o espectáculo Cocina. Un escenario en branco e negro con algunhas pinceladas de cor que nos dan os froitos, cubertos, cazolas, mandís, vaixelas, etc. será a excusa para achegar a poesía, a música, o ritmo e as cancións aos máis pequenos, partindo de poemas de importantes autores e autoras.

O domingo 22 de novembro, ás 18.00 horas, a compañía Ghazafelhos, nunha adaptación libre da obra de Carlo Collodi por Pepablo Patinho, contaranos a historia de Pinocchio, ese títere universal que agacha un segredo no seu corazón de bidueiro. Unha posta en escena que combina os títeres, teatro actoral e música en directo.

Como remate da programación do Padroado da cultura para público infantil e xuvenil neste ano, o domingo 20 de decembro, ás 18.00 horas, a compañía Kooxcenter S.L. trae ao Pazo o espectáculo Cuento de Navidad. Un guión revisado e actualizado faranos viaxar ao nadal de final de século XIX, sen perder a esencia da obra orixinal do escritor británico Charles Dickens. Unha entrañable historia en formato musical para toda a familia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MostraTeatroClasicoLugo2020 |

A Mostra de Teatro Clásico de Lugo celebrarase en setembro

GhazafellosMilEUnhaNoites |

O Circo na Rúa volve a Lalín