in

By Heart

By Heart
Imaxe de Magda Bizarro

Palabra e poder

 

A memoria, que pon en escena a morte, é tamén o único antídoto coñecido contra a morte. Quizais nos esquece nestes tempos en que o único que memorizamos son contrasinais e números de tarxetas de crédito, mais capturar algo na memoria é suspender o tempo. Tiago Rodrigues comeza suspendendo o tempo cando, ao inicio de By Heart, pide dez voluntarios para subir a escena e memorizar un soneto de Shakespeare, anunciando que o espectáculo non comezará ata que as dez cadeiras baleiras que esperan polos espontáneos estean ocupadas.

É a primeira das moitas estratexias psicolóxicas que Rodrigues aplica ao longo dun espectáculo no que as emocións se van arremuiñando arredor dun discurso que mestura os postulados antitotalitarios do Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, as argucias de Nadezhda –a esposa de Ossip Mandelstam– para preservar os poemas do seu home, o humanismo filosófico de George Steiner e o bíblico libro de Ezequiel.

A historia que conecta todos eses argumentos e o poema que se trata de memorizar é a da súa avoa. A ela gustábanlle os libros e Rodrigues leváballe moreas deles para que os lese na súa casa dunha pequena aldea portuguesa. Un día, ela dille que pare: está perdendo a vista e solicítalle que escolla un só libro para aprender de memoria (by heart), para poder levalo sempre dentro dela, mesmo unha vez perdida a capacidade de ler.

O espectáculo de Rodrigues insírese nesa tradición –inaugurada pola Ilustración e afondada polo Romanticismo– que presenta o texto, a literatura, como un contrapoder: un poder que combate a submisión aos poderes terreais e que posúe a capacidade de restaurar a unidade das comunidades e de servir de revulsivo ante a fragmentación da experiencia subxectiva.


Publicidade

Rodrigues cita a Borges para lembrar que “a nosa memoria forma o seu propio Edén dentro”, e con iso dá un paso máis alá: outórgalle ao texto o poder de desvelar unha verdade xa non transcendente, senón inmanente, presente na vida das persoas. Igual que Bergson –que desconfiaba da capacidade da intelixencia conceptual para englobar a vida–, encoméndase á capacidade da poesía para “ver o que non percibimos de forma natural”.

Por iso a necesidade, nun momento do espectáculo, de inxerir, literalmente, un texto para que se transforme en parte do corpo. Por iso a súa mensaxe e tan política como a de Ezequiel. A “verdade revelada” desborda a linguaxe para devolvernos a experiencia do presente auténtico, liberado dos condicionantes do poder.

Comezar falando da túa avoa e rematar cun soneto de Shakespeare é, talvez, unha estraña forma de explicar que a vida transcorre sempre como un conflito. As palabras tamén son estrañas, mais son as que definen cal é o noso lugar nesa guerra. Porque a poesía tamén é un asunto de poder.

By Heart, de Tiago Rodrigues

Texto e dirección: Tiago Rodrigues
Elenco: Tiago Rodrigues
Escenografía, atrezzo e figurinos: Magda Bizarro
Rexedor: André Pato
Produción executiva
: Rita Forjaz
Produción executiva na creación orixinal: 
Magda Bizarro
 e Rita Mendes.

Festival de Almada. Academia Almadense. 4 de xullo de 2020.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cariño2020 |

Comeza a Mostra de Teatro de Cariño

ObradoiroFetegaCou |

O FETEGA do Carballiño organiza obradoiros de Improvisación e de Escrita Dramática