O FETEGA do Carballiño organiza obradoiros de Improvisación e de Escrita Dramática

Estarán impartidos por AveLina Pérez e Antón Coucheiro.

 

A dirección do Festival de Teatro Galego, que celebra a súa 31ª edición no Carballiño, comeza a anunciar as actividades que darán forma a este ano atípico. A primeira actividade programada será un obradoiro de escrita dramática, que se celebrará os días 21 e 28 de agosto máis un día a convir entre a organización e o alumnado.

A encargada de impartilo será Avelina Pérez e a actividade ten o nome de “Traspasar os lindes con/desde/sobre o desexo”. Este curso celebrarase na Sala Virtual do FETEGA e terá un custo de 50 euros. Para poder participar nesta actividade será necesaria inscripción previa no correo electrónico festivaldoteatrogalego@gmail.com e o aforo estará limitado a 12 persoas. A aceptación destas inscripcións farase por orde de ingreso do importe da inscripción.

Ademais, o FETEGA anuncia un obradoiro de Improvisación para Actores e Actrices que impartirá Antón Coucheiro o sábado 22 e o domingo 23 de agosto. A inscrición está aberta até o 20 de agosto ás 15:00. As prazas confirmaranse por orde de pago segundo ingreso no banco.

Este curso está orientado a actrices e actores que queiran experimentar coa técnica da improvisación, unha auténtica ximnasia actoral, na que se exercitan as habilidades de interpretación, dramaturxia e dirección, simultaneamente, sobre o escenario. Traballarase nas bases fundamentais, nunha inmersión práctica na que se aprenderá a manexar e a integrar certas ferramentas indispensables para crear escenas improvisadas. Co inicio do curso entregarase material bibliográfico, conceptual e audiovisual.

O obradoiro poderase complementar nos seguintes días co Obradoiro de LONG FORM IMPRO E IMPRO ONLINE (este último de balde para quen asistira aos dous obradoiros anteriores).

COMO ANOTARTE?
Cubre o formulario para inscribirte. Unha vez o teñas realizado, recibirás un correo de confirmación. Sigue os pasos ata o final e realiza o ingreso.
METODOLOXÍA: Impartición das clases de xeito virtual.
MATRÍCULA: 50 € por persoa
NÚMERO DE PARTICIPANTES: mínimo 8 – máximo 18
ESPAZO: Sala Virtual FETEGA
DURACIÓN: 12 horas

Deixar unha resposta