in

Inícianse as accións formativas do Plan de reactivación do sector cultural

escena |
As actividades, presenciais e en liña, desenvolveranse durante este segundo semestre, cunha especial atención á adaptación das empresas, escénicas, audiovisuais, musicais e de servizos á situación provocada pola covid-19

 

A Xunta de Galicia anunciou onte un investimento 88.000 euros nunha trintena de iniciativas de formación continua e capacitación profesional no marco do seu Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19. Este investimento distribúese entre cadanseu convenio de colaboración con catro das asociacións empresariais máis representativas nos seus respectivos ámbitos: Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) en audiovisual, Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega).

As actividades programadas suman unha ampla oferta formativa, que se desenvolverá ao longo deste segundo semestre do ano, tanto de xeito presencial como en liña. Refórzase así o habitual apoio que, neste eido, se lle vén prestando ao asociacionismo profesional nos eidos audiovisual, escénico, musical e de servizos técnicos para a cultura, tendo en conta o necesario proceso de adaptación das súas empresas ao contexto provocado pola crise sanitaria.

 

Máis de 80 empresas

Neste sentido, os convenios asinados polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) cos respectivos presidentes das catro asociacións, que aglutinan máis de 80 empresas de toda Galicia, fan fincapé nesta situación e na importancia de impulsar as propostas de formación e de capacitación profesional, así como os programas de consultoría e asesoramento, como ferramentas para lograr unha mellor eficiencia no seu funcionamento e para o mantemento, adaptación e viabilidade das súas estruturas.


Publicidade

Escena Galega deseñou catro accións formativas centradas nas normativas estatais aplicadas ás artes escénicas, no programa Access como ferramenta ofimática, en diferentes convocatorias de axudas públicas dentro e fóra do ámbito autonómico e na fase da xustificación das subvencións anuais á creación escénica, que a Consellería de Cultura e Turismo xestiona a través da Agadic. Ao tempo, habilitarase un servizo de consultoría para asesorar as empresas asociadas fronte aos cambios e efectos da crise sanitaria no sector escénico.

No caso de Agapi, o seu proxecto formativo céntrase na parte económica dos proxectos audiovisuais, a través dunha xornada en liña sobre os plans de financiamento, prevista para novembro, ademais de desenvolver durante estes meses un servizo de consultoría individualizada para empresas galegas do sector.

Pola súa banda, Agatec organizará durante os meses de setembro e outubro na Cidade da Cultura de Galicia tres cursos teórico-prácticos especialmente pensados para persoal técnico e directivo no ámbito dos servizos tecnolóxicos e de alugueiro de equipos para espectáculos e eventos culturais: electricidade para a montaxe de eventos, rigging e estruturas escénicas, e vídeo e pantallas multimedia.

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) ten previsto un intenso calendario formativo, que levará a cabo durante os vindeiros meses tanto en liña como de xeito presencial. Na primeira modalidade, insírense 10 cursos de temáticas moi variadas (contro de accesos: biometría, biocidas: tipos e métodos de loita, Indesign: catálogos multimedia, AutoCAD, inglés en varios niveis, intelixencia emocional e autocontrol en situacións de emerxencia, community manager, reglamento europeo de protección de datos, e xestión loxística), mentes que a presencial abordará diferentes facetas da organización de concertos, festivais e outros encontros musicais a través de nove propostas: planificación, organización e control de eventos, manipulación de cargas con equipos de elevación, recurso preventivo, traballos en altura, carretilleiro, plataforma elevadora, sketchup, primeiros auxilios e contraincendios.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ObradoiroFetegaCou |

O FETEGA do Carballiño organiza obradoiros de Improvisación e de Escrita Dramática

FOTO GANADORES 19 Cía Violeta Iriberri Foto Manu Lago |

Sólodos En Danza presenta as bases do certame de dúos e solos 2020