in ,

Rosa E. Gantes gaña o II Prémio Platta de Teatro Breve – Portugal

RosaGante |
A canguesa Rosa E. Gantes acada o II Prémio Platta de Peças Curtas de Teatro – Portugal 2020 coa obra Reencontro. O texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador.

 

O xurado – formado pola actriz Josefa Barreiro, o dramaturgo Ricardo Correia e o gañador do certame en 2019, Xacobe Otero e no que actuou con voz pero sen voto como secretaria Vanesa Martínez- destacou a “situación farsesca proposta con reminiscencias chekhovianas que ofrece un xiro final inesperado así como o bo desenvolvemento da historia e a súa potencia plástica de cara á escenificación debido ao diálogo que establece co mundo da pintura”.

A obra será levada á escena nos obradoiros de lecturas dramatizada en tres linguas dentro do programa de actividades do Festival Transfronteiriço de Teatro Amador organizado polo Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana que terá lugar no Teatro Sá de Miranda de Viana do Castelo os días 25-26 e 27 de setembro. A peza será ademais publicada en portugués, galego e castelán pola erregueté dentro da colección Platta.

 

A autora

Rosa E. Gantes nace en São Paulo (Brasil). Afincada na Galiza desde 1970, actualmente mora en Cangas do Morrazo. O seu interese polo teatro lévaa a asistir a cursos impartidos por Manuel Lourenzo, Augusto Fernandes, Antonio Malonda, Jesús Aladrén , Leonel García, Jiris Jaros, Peralta del Amo, Johannes Vardar, Giuliano Tierno,Vanesa Sotelo, Casilda Alfaro, Pepa Barreiro entre outras.

Como mestra de educación infantil e primaria, asiste tamén a cursos ligados á Dramatización organizados por Movementos de Renovación Pedagóxicos , entre os que podemos sinalar os de Carlos Fragateiro e Franco Passatore. Dentro da súa faceta como formadora, Gantes impartiu tamén obradoiros de monifates para educadores e asociacións en diferentes Xornadas de Ensino e Encontros Pedagóxicos.


Publicidade

A súa relación co o teatro amador arranca na década dos 80 dirixindo o Grupo de Teatro Xuvenil de Arbo co que presenta o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño. Desde entón ten dinamizado grupos de teatro amadores tanto infantís como xuvenís e de adultos ligados a asociacións de veciños e culturais, sendo o de mais longo percorrido o traballo con o grupo de Teatro Simalveira da aldea de Meiro en Bueu.

En 1986 funda e dirixe o grupo de Monifates, Música, e Animación “Faba na Ola”, sendo autora de varias das obras. Até 1992 o grupo actuou por toda a Galiza e fixo varias actuacións en Portugal e Brasil.

En 1992 publica na Ed. Ir Indo, en co autoría con Xosé M. Seoane e Tatán do grupo Tanxarina, o libro Como facermos títeres, sombras, carautas e cabezudos.

Na actualidade forma parte do grupo de teatro amador Eu.Experimento ligado ao Camões – Centro Cultural Português em Vigo e do grupo de posta en escena da Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas.

 

O certame
O Premio Platta de Teatro Breve en tres linguas nace en 2019 co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a PLATTA, Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana e a erregueté). O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: Premio PLATTA de Teatro Breve – Castilla y León (castelán), Premio PLATTA DE Teatro Breve –Galicia (galego), Prémio PLATTA de Peças Curtas de Teatro – Portugal (portugués). Reencontro é o quinto título da colección PLATTA de teatro breve editada pola erregueté e que contou na súa primeira edición co financiamento da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal. Completan a colección:

  • Amor de corbata, de Antonio Mauriz.
  • Morreu a tía María, de Xosé Prada.
  • A importância de se chamar António, de Xacobe García.
  • Voces en el limbo, de José Domínguez Bueno.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A Creación de Miguel Anxo

Coisas de criações, pandemias e políticas públicas

SeIstoEUmHomemAlmada |

O Teatro do Noroeste – CDV avanza o seu programa para o outono 2020