O Concello de Cangas vén de presentar o programa cultural para este outono. Teatro, música e cine conforman a oferta do Auditorio Municipal de Cangas para os meses de setembro a decembro entre a que se atopa a estrea adiada de Microspectivas dun marica millennial, de Incendiaria en co-produción co Centro Dramático Galego.
Ibuprofeno Teatro é a compañía encargada de abrir o programa teatral con O mel non caduca o 26 de setembro ás 21.00 horas. Marián Bañobre e Avelino González protagonizan este espectáculo “biodegradable e ecosostible” escrito e dirixido por Santiago Cortegoso.
A compañía Incendiaria toma o relevo o sábado 3 de outubro con Microspectivas dun marica millennial. Esta re-construción de Davide González con dirección de Vanesa Sotelo preséntase así en Cangas despois de que a estrea prevista para o 14 de marzo quedase suspendida por mor do decreto do Estado de alarma.
Teatro do Norte será a compañía que o 24 de outubro suba ao escenario cangués con In Memoriam: Federico García Lorca 1898-1936. Creado e interpretado por Etelvino Vázquez, o espectáculo percorre o xenio de Lorca a través das figuras do poeta e da actriz Margarita Xirgu.
Despois da gala de presentación do número 100 en papel da erregueté – Revista Galega de Teatro prevista para o sábado 31 de outubro, o 7 de novembro o teatro continúa en Cangas con A conquista da escola de Madhubai a cargo da compañía Teatro do Atlántico. No ano no que a compañía celebra os seus trinta e cinco anos de vida, Teatro do Atlántico regresa ao Morrazo con este texto de Hélène Cixous inspirado na figura de Phoolan Devi, referente do feminismo da India.
De igual modo, o 28 de novembro ás 18.00 horas os Monicreques de Kukas desembarcarán en Cangas co espectáculo Xan Perillán e a maleta máxica. Marcelino de Santiago protagoniza esta proposta multidisciplinar para todos os públicos dirixida por Isabel Rey na que o clown e a pantomima se mesturan coa maxia e as marionetas.
Por último, o sábado 12 de decembro Carlos Blanco e Oswaldo Digon serán os encargados de pechar o programa teatral con Quen dixo medo? ás 20.00 horas.
Segundo indicou o director do auditorio, Juan José Pérez, todas as actividades programadas respectarán as medidas de seguridade fronte á Covid-19. Para isto, establécese un límite de aforo no 50% e exixirase uso de mascarilla e un circuíto de entrada e saída para organizar o tránsito.
Agás no caso de Xan Perillán e a maleta máxica (entrada gratuíta), as entradas para os espectáculos xa están á venda e pódense adquirir por un prezo de 5 euros en ataquilla.