Do 2 ao 11 de outubro chega unha nova edición do Festival Internacional de Teatro Cómico da Maia, organizado pola Câmara Municipal da Maia e o Teatro Art’Imagem. Durante dez días consecutivos, 29 compañías presentarán 30 espectáculos nesta 25ª entrega do Festival na que figuran as compañías galegas Traspediante, Pedras de Cartón, Excéntricas e La Macana.
Baixo o lema “o riso para desconfinara nosa intelixencia”, o programa do FITCM comezará o venres 2 de outubro con Rock Cirk, da compañía andaluza Rolabola para continuar Camino del Paraíso, dos estremeños Teatro Guirigai. Ao día seguinte, a compañía Traspediante será a encargada de abrir a xornada do 3 de outubro con Up2down: un espectáculo de danza-circo no que o humor e a danza se mesturan co singular universo do funambulismo. Pola noite, a animación de rúa correrá a cargo de Super poli antes de dar paso ás Clowbatientes, de Imaginarte e Kull D’Sac e Dona Quixote, da polaca Pina Polar.
A compañía portuguesa Marimbondo abrirá o programa do domingo 4 de outubro con Banda Rumtatá, para continuar cos espectáculos O encontro de mr. Palito e dita, de Mr. Milk; Hey Bro! Hipster show, de Fabiolo Producciones e Chou!, da compañía portuguesa de teatro e circo Fric à Frac.
O luns 5 de outubro, a produción galega será a gran protagonista da xornada con Cartóons, de Producións Teatrais Excéntricas / Teatro do Adro ás 16.00 horas e Lázaro, de Pedras de Cartón a partir das 21.30 horas. Ademais, o programa inclúe un novo espectáculo de animación da man de Marimbondo con Baby boom.
O martes 6, a catalana Pepa Plana desembarcará en Maia con Penélope despois da peza As testemunhas que se desenvolverá no exterior da man da compañía lusa As Testemunhas Duo. Por outra banda, o mércores 7 de outubro, a Companhia XPTO iniciará a xornada con Joaquim e Manuel – as aventuras dentro do programa de rúa para continuar a partir das 21.30 horas con Bas Fond, da Nova Companhia.
De igual forma, o xoves 8, a portuguesa Eva Ribeiro será a responsable de levar a animación teatral á rúa con Pimpinella antes de que Unha donna sola, de Teatro das Beiras tome o relevo no Fórum ás 21.30 horas.
O venres 9 de outubro, a Companhia XPTO regresa á rúa con Homens pipa mentres que Sagapó é o título da produción italo-brasleira que Teatro C’Art / Teatro del Respiro ofrecerán no Grande Auditório do Fórum da Maia. Finalmente, Angel Fragua pechará a sesión con Je ne sais quoi.
O sábado 10, a creación galega volve ao programa do FITCM con Pink Unicorns de La Macana xunto a Oniricus, dos valencianos La Troupe Malabó; Bicimariofone, de Boca de Cão e Conversas de equina, da Fértil Cultural.
Por último, o domingo 11 de outubro, a peza Out of stock, do aragonés Edu Manzarares será o espectáculo que peche a edición 2020 do Festival ademais de Show do corpo, de Mr, Milk e Hamlet, da Companhia do Chapitô.
Exposicións
Dentro das actividades paralelas, do 2 ao 11 de outubro o Festival propón un abano diverso de exposicións. É o caso da mostra de cartaces das 25 edicións do Festival Internacional de Teatro Cómico da Maia na Galeria Fórum Maia e da exposición de carteis da programación da 25ª edición do FITCM que será posible visitar no exterior. De igual modo, a Galería da Quinta da Caverneira ofrece un percorrido polo traballo de João Luis e a compañía Pé de vento a través de exposición ‘Un percurso singular’.