in

O Consello da Cultura presenta o seu informe sobre as artes escénicas no Congreso do Teatro Galego

Congreso Teatro Galego
O público galego puntúa o seu teatro cun 9,11. Este sobresaliente é para actores, actrices, persoal de dirección e posta en escena. A nota baixa a un 6,88 cando o que se valora é a programación habitual e as instalacións dos nosos teatros e auditorios suman un 7,55. Son algúns dos datos do “Informe sobre o teatro galego”, un documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, que se presentou onte no marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego co que a Academia Galega de Teatro pretende sentar a planificación estratéxica deste sector para os vindeiros anos. | Foto: Martín Lagoa |

 

O Informe sobre o teatro galego parte dunha investigación consensuada cos representantes do sector das artes escénicas e pretende paliar a falta de información relativa á relación existente entre creadores, xestores e públicos de teatro. O punto de partida xa era innovador porque buscaba analizar o sistema teatral desde unha perspectiva global, que estudase todas as partes implicadas (público, creadores e programadores) para obter a fotografía máis precisa.

O documento pon de manifesto que o que máis se programa en Galicia é o teatro de adultos (45,4%), seguido do teatro infantil ou familiar (un 33,6%), mentres que os musicais son os espectáculos que menos vemos en cartel (só un 3,9%). O público respondeu con distinta intensidade a esta oferta. A maior parte dos espectáculos vistos son funcións para público adulto (59,3%), seguido polo teatro infantil (o 20,5%). Os datos contradín tamén algunhas percepcións. Os programadores e os profesionais consideran que o teatro familiar é o xénero mais demandado pero o público consultado asegura que prefire o teatro de adultos (o 70,6%). Segundo este informe, aprécianse desaxustes entre o que se demanda e o que se oferta. Por exemplo, ao público gústalle o teatro musical (23,7%), xénero moi pouco ofertado e con poucos profesionais que traballan facendo musicais. O que si revela o estudo é que para os profesionais participar en obras de teatro infantil permite alongar a súa temporada de traballo.

O estudo tamén desvela que o 51,5% dos espectadores aposta polas funcións en galego. Unha preferencia que é máis elevada nos máis novos e nos espazos rurais. Só un 13,8% prefire funcións en castelán e un 32,% dos enquisados amóssea indiferente. Este informe apunta que o 54,4% dos espazos escénicos analizados ofreceron en 2018 unha programación integramente en galego e só o 3,6% (6 espazos) programaron menos da metade das súas funcións nesta lingua.

 

Estratexias de programación e promoción

Outro dos obxectivos deste informe pasaba por coñecer como se perfila a programación de teatro en Galicia. Programadores e administracións, a partes iguais, son os que deciden os carteis dos teatros, só un 15% das funcións son iniciativa das compañías artísticas. Ademais, os prazos cos que se programan e preparan as estreas son moi reducidos. O 74% dos espazos escénicos programan cunha anticipación inferior ao medio ano e o 42,9% dos profesionais preparan as obras cunha antelación de menos de tres meses con respecto á data de estrea.
O estudo tamén revela como a xente sabe da realización dos espectáculos. As redes sociais son a canle máis habitual para coñecer a oferta das funcións. Facebook é a principal vía de información, seguida do “boca a boca” (32%), de folletos ou carteis (17%) e as páxinas web (15%). A metade da xente compra a súa entrada na mesma semana que vai ter lugar a función e o sistema de abonos é escasamente utilizado (só o 6,5% dos que poderían mercalo fixeron uso del e só o 14,7% dos teatros conta con este sistema).

 

Os perfís: público, programadores e profesionais

O perfil medio de asistente é o dunha muller, cunha media de idade de 42 anos, con estudos universitarios e ingresos medios mensuais superiores aos 1.200 euros. Cada ano asiste a unha media de 6,7 funcións e gasta uns 84 euros. O informe tamén conclúe que “gastan menos os espectadores máis novos, os do rural e os que teñen menos estudos”.

A figura que se encarga da programación no noso país está escasamente profesionalizada. Adoita estar ocupada por unha muller, duns 49 anos, funcionaria ou persoal laboral, con baixo nivel de formación regrada no ámbito da xestión cultural e que desenvolve tamén outras funcións no desempeño do seu traballo.


Publicidade

Máis da metade dos profesionais que se dedican ás artes escénicas en Galicia son homes (o 52,4%) e contan cun amplo nivel de formación (o 73% ten titulación universitaria e unha alta formación na súa especialidade). No último ano participaron nunha media de 25 funcións e traballaron uns 6,4 meses. A realidade laboral é moi precaria, o 61,9% dos profesionais non acada o salario mínimo interprofesional se só se teñen en conta os ingresos das artes escénicas. O estudo tamén revela que só o 31,3% percibiu ingresos salariais unicamente da súa actividade escénica e é moi habitual ver que os profesionais teñan que buscar ingresos noutros traballos para complementar os seus salarios.

Outra das achegas deste informe é sinalar as carencias detectadas polos tres grupos obxecto desta enquisa e, polo tanto, aspectos que consideran susceptibles de mellora. A metade do persoal responsable dos espazos escénicos sinala carencias técnicas (como os equipos de luz e son) e estruturais (tamaño, disposición das butacas, espazo do escenario etc.). Pola súa banda, os profesionais da escena detectan carencias similares, como o mantemento e o estado dos camerinos, do escenario ou do patio de butacas (44%), a iluminación e acústica (38,1%) e, en menor medida, o incremento do persoal (responsables de sala, persoal técnico etc.). En contraste, as preocupación do público pasan máis polo acceso aos espazos escénicos e ao transporte, como poden ser os espazos de aparcamento (35,2%). Os problemas relacionados co propio espazo escénico preocupan menos.

O informe constata tamén unha discrepancia sobre o que suporía unha redución dos prezos das entradas, o 19,8% dos profesionais pensa que tería un efecto positivo fronte ao 60,6% do público.

 

As artes escénicas na crise da COVID-19

A irrupción da pandemia e o seu efecto nas artes escénicas tamén ten cabida no informe. O texto incorpora unha addenda que apunta a que as artes escénicas é o sector máis danado pola crise sanitaria no ámbito cultural galego. O 82,4% das empresas deste ámbito non puideron manter a actividade durante o confinamento, case o dobre do conxunto total de empresas culturais galegas. En xullo, preto dun 30% das compañías continuaba sen ningún tipo de actividade. A mesma porcentaxe de traballadores que non volveu traballar tras o confinamento. A addenda engade tamén que a metade do sector das artes escénicas se acolleu a un ERTE e ningunha empresa do sector das artes escénicas despediu ningún empregado durante o confinamento.

 

Metodoloxía

Para a elaboración deste estudo, o Observatorio da Cultura Galega realizou unha investigación propia en tres frontes. Primeiro, para a análise da programación elaborou enquisas para os xestores de 169 espazos, dun total de 209, é dicir, do 80,9% dos espazos que conforman a Rede Galega de Teatros e Auditorios e os espazos Cultura no Camiño.
Segundo, no que atinxe aos públicos, realizáronse 1.137 enquisas en 35 funcións de 19 espectáculos programados en 20 espazos escénicos galegos. O 60,2% delas son de espazos urbanos, en coherencia non só coa distribución dos espazos segundo o tamaño dos concellos senón tamén co maior número de funcións e maior volume de asistentes dos teatros das cidades. O 29,2% das enquisas foron recollidas en espazos do hábitat semiurbano e o 10,6% restante en espazos de concellos rurais, é dicir, en municipios de menos de 10.000 habitantes.
Por último, para obter os datos dos profesionais realizáronse 250 enquisas telefónicas asistidas por ordenador aplicadas a unha base de datos construída a partir de varios directorios profesionais.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Carlos Alonso

FIOT en pausa outorga a Carlos Alonso o galardón Xograr de Outono 2020

Velocíclopes

O Festival Galicreques comeza mañá a súa 25ª edición con seis espectáculos