O Pazo da Cultura acolle este sábado 10 (ás 18.00, 19.00 e 20.00) a estrea da performance Live, que o público poderá seguir ao vivo tamén a través do Instagram.
O mellor da escena galega e estatal regresa a Carballo. Desde este venres 9 e até o vindeiro 18 de outubro, celébrase FIOT en pausa, unha programación especial de teatro que mantén a esencia e o selo de calidade do FIOT. Espectáculos como Curva España, A lingua das bolboretas, Liberto ou Prostitución son parte dunha proposta cultural que, este outono, referenda o apoio e compromiso da A. C. Telón e Aparte e do Concello de Carballo coa creación galega e coa investigación de novos formatos escénicos a través do uso das tecnoloxías e da cultura dixital.
FIOT en pausa inaugúrase hoxe co proxecto FIOT Fónico, unha iniciativa que pretende afondar na experimentación escénica a través das posibilidades que ofrecen as ferramentas tecnolóxicas innovadoras. A apertura deste novo espazo para a creación chegará, ademais, cunha estrea absoluta: a ficción sonora A lúa, válvula de spray, unha dramaturxia de Rosalía Fernández Rial que dirixe Quico Cadaval e que pon en relación o teatro co espazo público e arte urbana. A peza, coproducida por FIOT e LIDISS, contará este venres 9 cunha dobre función (18.00 e 20.00) nas que xa non quedan prazas dispoñibles.
O público que desexe asistir a algunha das vindeiras sesións poderá solicitalo previa reserva vía whatsapp (604 008 235) e, unha vez que a organización confirme a praza, deberán descargar no seu teléfono móbil a aplicación Carballo a un paso (dispoñible en Google Play e nos vindeiros días na Apple Store). Para acceder á mesma, antes da función a organización enviará un código ao móbil que se deberá introducir na app para activar o podcast. Deste xeito, o público asistente ás diversas funcións poderá percorrer oito murais do espazo urbano da man desta ficción sonora que conta no seu elenco con Melania Cruz, María Roja e Santi Romay.
De cara á fin de semana, o Pazo da Cultura centrará gran parte da programación cultural. Así, o sábado 10 acollerá a estrea absoluta de Live, unha performance de Emma Santos na que se busca a conexión directa co espectador e coa introdución da cultura dixital na escena. O público poderá seguir ao vivo esta proposta artística desde a butaca ou desde a aplicación Instagram, xa que, en rigoroso directo, e desde a intimidade do seu perfil nesta rede social, Emma Santos falará da morte do seu único fillo.
O Pazo da Cultura tamén será o día 10 (20.30) o escenario no que actuará un dos pratos fortes desta edición. O grupo Chéreve, Premio Nacional de Teatro 2014, representará Curva España. La curva en la que se mató España, unha peza que bebe do xénero policial e ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, thriller e autoficción. Partindo dunha historia real transmitida de xeración en xeración, e da existencia de distintas versións sobre o caso, Chévere realiza unha alegoría sobre a vertebración do estado español como a promesa dun tren que nunca chegou.
Unha vez finalice a función, contra as 22.00, a actriz Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019) será a responsable de entregar ao escénografo, figurinista e deseñador de vestiario Carlos Alonso o galardón Xograr de Outono 2020, un recoñecemento outorgado polo FIOT para poñer en valor o oficio teatral. Nesta ocasión, a homenaxe correspóndelle a un artista multidisplinar e traballador incansable da escena galega que conta con once Premios María Casares na modalidade de escenografía e vestiario.
O festivo estatal do 12 de outubro dará pé á celebración dunha nova representación. Neste caso será A lingua das bolboretas, creación recentemente estreada en Ourense por Sarabela Teatro, que este ano celebra o seu 40 aniversario. A compañía, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, levará á escena a súa revisión dos relatos A lingua das bolboteras e A traxectoria do balón, do escritor e xornalista coruñés Manolo Rivas.
Micro-Escenas Metro Cadrado
FIOT en pausa inclúe na súa programación a celebración da cuarta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado (M2), cita obrigada de apoio á creación escénica de novos formatos e ás compañías e artistas emerxentes. Convocada antes da decisión da suspensión do 29º FIOT, a Asociación Cultural Telón e Aparte decidiu manter a celebración dunha proposta que pretende achegar experiencias teatrais diferentes para públicos reducidos e en espazos non habituais para a representación. Entre as 48 propostas recibidas neste 2020, un xurado conformado por profesionais das artes escénicas seleccionou seis propostas singulares que xogan coa performance, co teatro dos sentidos ou coa poesía.
Esta fin de semana o público poderá coñecer catro das seis pezas que conforman esta edición do M2. A primeira delas será Palabra, de Ana Abad de Larriva, unha estrea absoluta que acollerá o sábado 10 a biblioteca Rego da Balsa. Trátase dunha singular proposta que se dirixe durante 12 minutos a un único espectador co obxectivo de xerar un espazo de encontro e escoita no que se outorgue a importancia debida á palabra. Tamén este sábado o Casino 1889 acollerá catro pases de Croquetas, a nova creación de Iria Pinheiro na que o público acompañará á protagonista a percorrer unha viaxe emocional a través do seu exilio en Alemaña.
O domingo 11 haberá ocasión de celebrar dúas novas estreas en distintas salas de exposicións que se atopan no Pazo da Cultura. É o caso de Manuela é unha inuit. política postcovid, unha relfexión artística de Rubén Pérez, e Evasión, de Utopías, na que Carlota Rosón e Marta Velázquez crearán un espazo sonoro para convidar ao público a realizar unha viaxe sensorial alonxada da súa realidade.