A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) vén de facer público un comunicado no que rexeita a intención do Concello de Pontevedra de disolver o organismo autónomo municipal do Pazo da Cultura, así como de que o Concello asumirá só a algúns traballadores prescindindo doutros.
Para a Asociación “resulta sorprendente e inexplicable a estratexia cultural municipal de Pontevedra, que despois do Salón do Libro, que coincidiu co inicio do confinamento e que se adaptou ás circunstancias dun xeito exemplar, ven cancelando sistematicamente a maior parte da actividade cultural, moita dela consolidada ao longo dos anos e cuns envexables niveis de aceptación por parte da cidadanía. Está a ser unha situación cinicamente xustificada pola pandemia, que non só sorprende no ámbito da xestión cultural galega, senón que o fai en todos os sectores culturais, perxudicando gravemente a moitos deles”.
A AGPXC expresa a súa “sorpresa e disgusto” ante a intención do Concello de Pontevedra de prescindir dos servizos da directora-xerente do Pazo, “que durante case 20 anos estivo a confeccionar e desenvolver infinidade de programación cultural cuns altísimos niveis de éxito”. Segundo a AGPXC, “as programacións do Pazo e do Teatro Principal de Pontevedra estaban a ser excelentemente valoradas polo público e polos diferentes sectores culturais de Galicia. Pontevedra estaba a ser un modelo no que fixarse coa intención de mellorar infinidade de plans locais de cultura en moitos concellos galegos. E é indicustible que nese modelo ten unha participación salientable Pilar Portela, a directora-xerente do organismo autónomo do Pazo da Cultura. Que o futuro da cultura pontevedresa renuncie aos servizos de quen contribuiu en gran medida aos éxitos culturais na cidade do Lérez, só demostran un descoñecemento absoluto e perverso de quen se responsabiliza das súas políticas culturais”.
A Asociación matiza que “se ben na actualidade a citada xestora cultural ocupa a presidencia da AGPXC”, o motivo da denuncia ao Concello de Pontevedra pola decisión tomada responde á defensa “que fai e debe facer o colectivo profesional da xestión cultural de políticas e planificacións culturais publicas que revirtan na mellora sociocultural e económica da cidadanía. Resúltanos claramente sospeitoso que nunha mudanza de paradigma cultural na cidade de Pontevedra, se desexe prescindir dun xeito tan vulgar do salientable perfil profesional de Pilar Portela”.
O comunicado recoñece que “as autoridades municipais de Pontevedra adquiriron publicamente durante o confinamento un admirable compromiso coa cultura”, mais conclúe que “os feitos que estamos a coñecer demostran que foi unha mentira”.
A AGPXC remata rexeitando “con contundencia as intencións do Concello de Pontevedra e solicitarlle unha reflexión crítica e profesional sobre o futuro das súas institucións públicas culturais. Deixar a cultura en mans de persoas que non acadan a ver as consecuencias de caprichosos experimentos políticos, é ofender e desprezar a cidadanía para a que goberna”.