in

Os xestores culturais rexeitan a disolución do organismo autónomo do Pazo da Cultura de Pontevedra

Pazo Da Cultura Pontevedra
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) vén de facer público un comunicado no que rexeita a intención do Concello de Pontevedra de disolver o organismo autónomo municipal do Pazo da Cultura, así como de que o Concello asumirá só a algúns traballadores prescindindo doutros.

 

Para a Asociación “resulta sorprendente e inexplicable a estratexia cultural municipal de Pontevedra, que despois do Salón do Libro, que coincidiu co inicio do confinamento e que se adaptou ás circunstancias dun xeito exemplar, ven cancelando sistematicamente a maior parte da actividade cultural, moita dela consolidada ao longo dos anos e cuns envexables niveis de aceptación por parte da cidadanía. Está a ser unha situación cinicamente xustificada pola pandemia, que non só sorprende no ámbito da xestión cultural galega, senón que o fai en todos os sectores culturais, perxudicando gravemente a moitos deles”.

A AGPXC expresa a súa “sorpresa e disgusto” ante a intención do Concello de Pontevedra de prescindir dos servizos da directora-xerente do Pazo, “que durante case 20 anos estivo a confeccionar e desenvolver infinidade de programación cultural cuns altísimos niveis de éxito”. Segundo a AGPXC, “as programacións do Pazo e do Teatro Principal de Pontevedra estaban a ser excelentemente valoradas polo público e polos diferentes sectores culturais de Galicia. Pontevedra estaba a ser un modelo no que fixarse coa intención de mellorar infinidade de plans locais de cultura en moitos concellos galegos. E é indicustible que nese modelo ten unha participación salientable Pilar Portela, a directora-xerente do organismo autónomo do Pazo da Cultura. Que o futuro da cultura pontevedresa renuncie aos servizos de quen contribuiu en gran medida aos éxitos culturais na cidade do Lérez, só demostran un descoñecemento absoluto e perverso de quen se responsabiliza das súas políticas culturais”.

A Asociación matiza que “se ben na actualidade a citada xestora cultural ocupa a presidencia da AGPXC”, o motivo da denuncia ao Concello de Pontevedra pola decisión tomada responde á defensa “que fai e debe facer o colectivo profesional da xestión cultural de políticas e planificacións culturais publicas que revirtan na mellora sociocultural e económica da cidadanía. Resúltanos claramente sospeitoso que nunha mudanza de paradigma cultural na cidade de Pontevedra, se desexe prescindir dun xeito tan vulgar do salientable perfil profesional de Pilar Portela”.


Publicidade

O comunicado recoñece que “as autoridades municipais de Pontevedra adquiriron publicamente durante o confinamento un admirable compromiso coa cultura”, mais conclúe que “os feitos que estamos a coñecer demostran que foi unha mentira”.

A AGPXC remata rexeitando “con contundencia as intencións do Concello de Pontevedra e solicitarlle unha reflexión crítica e profesional sobre o futuro das súas institucións públicas culturais. Deixar a cultura en mans de persoas que non acadan a ver as consecuencias de caprichosos experimentos políticos, é ofender e desprezar a cidadanía para a que goberna”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Congreso Teatro Galego

O Congreso do Teatro Galego homenaxea Ernesto Chao, Celso Parada e Gustavo Pernas

Academia Galega de Teatro premios

O Congreso do teatro Galego clausurouse cunha homenaxe a Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada