A ‘XVI Mostra de Teatro’ de Malpica dará comezo hoxe, venres, 30 de outubro, e estenderase ata o 11 de decembro.
A programación estará marcada polo protocolo hixiénico-sanitario, e desde o goberno local engaden que “as sesións estarán condicionadas ao contexto vixente no momento de celebrarse”. As restricións de capacidade dos espazos fai necesaria a reserva previa das localidades a través do teléfono do departamento de Cultura do Concello.
Bernarda, de Malasombra Producións, cun texto orixinal de Jose Prieto baseado en La casa de Bernarda Alba de Lorca, será o espectáculo encargado de abrir a XVIª Mostra de Teatro de Malpica, hoxe, ás 20:30.
O Ciclo de Sala, no Centro Cívico da vila, incluirá tamén a versión de Medida x medida, de Shakespeare a cargo de PT Excéntricas, con dirección de Quico Cadaval, o día 6 de novembro; Talía Teatro porá en escena Lambetadas o 13 dese mesmo mes; Tabú, de Tarabela Creativa, estará na Mostra o 20 de novembro; o 27 será a vez de O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia; A compañeira de piso, de Contraproducións, pechará as funcións de novembro, o día 29; e o espectáculo Carabela, de Galeatro, abrirá as de decembro o día 4. O ciclo pecharase o 11 de decembro coa actuación de Carlos Blanco e o seu espectáculo Quen dixo medo.
Ademais, o ciclo Ruada, dedicado ao teatro familiar, constará de catro funcións en diversos espazos da vila: Elefante Elegante presentará Lobo bobo o domingo 15 de novembro na Escola das Pozacas Cerqueda; Xarope Tulú porá en escena Utopías o 22 de novembro, no Centro Social Barizo; o Mercado de Abastos acollerá unha sesión de contacontos o domingo 6 de decembro; e Galeatro pechará o ciclo ese mesmo día con O camiño da lingua, no antigo centro comarcal de Buño.