in

In Anima Vil

In anima vil

A bile como motor

| Iván Fernández |
| Foto: Lola Jiménez |

 

In anima vil é unha presentación da artista Lola Jiménez no marco do festival de danza contemporánea Catropezas que a sala Ensalle de Vigo continúa a programar, malia o difícil dos tempos, ao longo do mes de novembro tal e como leva facendo desde hai quince edicións.

 

A peza en si mesma é unha extensión do anterior traballo da Jiménez, Soy una mosca que mira a través del agujero de una llave un lugar en llamas, que xa puidemos gozar na mesma sala en 2017. Nela hai momentos nos que semella somos nós, xs espectadorxs, xs que estamos a ollar a través dun buraco o universo íntimo da artista, bailarina e coreógrafa grancanaria.

Entramos nun universo desacougante, escuro e con referencias demoníacas, no que a danza e o movemento artellan un espazo alén do significado, onde a artista invítanos a entrar rexeitando a razón e apoiándose na poética, na emoción, no xesto. O mesmo nome da peza remite ao ensaio médico que se fai nos animais antes ca no home (in anima vili) e eu fico coa dúbida de se no ensaio que acabamos de ver somos nós (espectadorxs), a artista ou todxs xuntxs, os suxeitos do experimento.

Subliñar a importancia do espazo, que, por veces, lembra ao Inferno de Dante, cheo de demos e seres ameazantes, e que a artista mesmo recolle na súa propia pel, con esa omnipresenza da cor amarela que lembra á bile, encarnando na escena aquilo que xorde da mente somerxida en inquedanzas.


Publicidade

Os escenarios son, ademais, múltiples: un universo pop e delirante, un aplauso estrondoso, o diálogo do teatro de sombras ou os debuxos que se suceden abríndose uns en outros, complementados logo por unha exposición do material gráfico da propia Jiménez.

Cómpre dicir que esta creación foi en parte posible grazas ás Residencias SIT (a Sala Insular de Teatro) da capital de Gran Canaria, un espazo que se abre axs artistas para a súa investigación e posterior proposta.

 

In Anima Vil, Lola Jiménez

Creación e dirección: Lola Jiménez
Vestiario: Nuria González
Deseño de iluminación: Carmelo Fernández
Vídeocreación: Enrique Cardenez
Co apoio de: SIT (Sala Insular de Teatro, Cabildo de Gran Canaria)
Colabora: Aida Lustres
Agradecementos: Cia Apatiar, Marisa Amor, María Sánchez, Juan Loriente, Carmen Menager, Mº Carmen Hernández, Begoña Vega, Félix Santana, Carmelo Fernández, Orlando Ortega, Inma Marcos, Enrique Cardenez

XV Festival ‘Catropezas’. Teatro Ensalle, Vigo. 5 de novembro de 2020.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bailar agora

Bailar agora

Carme Varela, Esther Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns

Carme Varela gaña o Premio Álvaro Cunqueiro e Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns, os Barriga Verde para monicreques