A peza audiovisual, producida polo Colectivo RPM, preséntase este martes 22 de decembro ás 20 h. no auditorio do Centro Ágora da Coruña.
Por que viven aquí? Que espazos da cidade son máis inspiradores? Como dialogan co territorio? Cando se achegan á danza? Que marcas do tempo atopan nas súas traxectorias? Que texturas de corpo investigan?
Estas son algunhas das cuestións que o Colectivo RPM plantexa no documental Isto non é Berlín, unha peza audiovisual sobre a comunidade de artes vivas da Coruña que estrean mañá no Centro Ágora da cidade herculina. A vontade do colectivo non é outra que a de visibilizar o enorme talento artístico da cidade a través do formato audiovisual, dando conta do invidivual e o transversal dos artistas que se dedican ás artes vivas.
Isto non é Berlín conta coa participación de catorce persoas vinculadas ás artes vivas na cidade, tanto naturales da Coruña como residentes, que conforman parte do fermoso tecido que empuxa a creación contemporánea neste territorio. Isto non é Berlín busca ser o retrato dunha época que amosa a pluralidade e efervescencia da escena da cidade que, con todas as súas luces e sombras, conforman o capital artístico da mesma. Este documental, pretende, ademais, defender a periferia como un lugar lexítimo para a práctica artística.
Isto non é Berlín foi gravado nunha residencia artística no espazo NORMAL, e a súa metraxe desenvólvese nun mesmo set a camiño entre a instalación e o decorado. Con dirección de Caterina Varela, Félix Fernández e Alexis Fernández, o guión/dramaturxia da peza estrutúrase a través dos relatos dos seus protagonistas a través dun xogo de regras dadas. Unha peza que bebe da vídeo-creación, así como da narrativa clásica documental.
As entradas, de balde, pódense reservar na seguinte ligazón.