O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da crise sanitaria do coronavirus acordou este luns pechar perimetralmente todos os seus municipios, limitar as relacións sociais a conviventes e suspender toda actividade non esencial, o que implica o peche de todos os locais de hostalería e teatros, entre outros.
Así o anunciou en rolda de prensa o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras participar na reunión do máximo órgano asesor da Xunta que aprobou novas medidas para conter a terceira onda da pandemia.
As novas medidas durarán 3 semanas, como mínimo. Do 27 de xaneiro até o 17 de febreiro. As xuntanzas estarán limitadas exclusivamente a conviventes, agás excepcións como persoas maiores que vivan soas.
O peche dos teatros e auditorios, catalogadas como actividades non esenciais, levará a moitas compañías ao aprazamento dos seus espectáculos. Unha situación que acrecenta as dificultades económicas do sector, moi tocado dende o comezo da pandemia.
As universidades non retomarán a docencia ata o 8 de febreiro e a primeira semana as aulas serán on line. A partir do 17 de febreiro tentarase retomar a educación presencial. O ensino Infantil, Primario, Secundario e Bacharelato continuará como ata o de agora.
As actividades deportivas tamén están afectadas co feche de ximnasios. Só será permitido o deporte ao aire libre e sempre con máscara. O comercio non esencial fechará ás 18:00 horas e os centros comerciais non abrirán as fins de semana.
O peche da hostalería será total. Só poderá haber servizo a domicilio, comida para levar e comedores de empresas.