in

Adeus ao ‘Alcalde do Teatro’: morre Xosé Manuel Pazos Varela

Xosé Manuel Pazos

O alcalde de Cangas, escritor, tradutor, actor, fundador da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo e membro do consello editorial da erregueté | Revista Galega de Teatro faleceu este luns 25 de xaneiro, en Vigo, aos 63 anos.  

 

Na tarde do luns 25 de xaneiro, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O rexidor de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) arrastraba problemas de saúde desde hai uns anos tras someterse a unha delicada operación de pulmón. A nova fíxose pública nos medios de comunicación e comezouse a compartir nas redes sociais de moitas institucións e profesionais das artes escénicas galegas que quixeron despedirse do “Alcalde do Teatro”.

Publicidade

Xosé Manuel Pazos Varela naceu na parroquia morracense de Coiro no ano 1957. Mestre de profesión, traballou varios anos na montaña sanabresa e, despois, en colexios públicos da parroquia de Darbo. Entrou en política no ano 1990 como responsable de Persoal e Benestar Social na xestora municipal do Concello de Cangas. Tras pasar pola oposición durante unha lexislatura, volve ao goberno no ano 1995 co cuatripartito, ocupándose das áreas de Cultura e Ensino. Entre 1997 e 2001 foi  Deputado no Parlamento de Galicia e, despois dun tempo afastado da primeira liña política, volve ao Concello no ano 2007 para ocuparse outra vez de Ensino e Cultura. Logo doutra lexislatura na oposición, sae elixido Alcalde nas eleccións de 2015, facendo parte dun novo tripartito. Pazos nunca renunciou á súa intensa actividade cultural e política. Boa proba disto foi o seu empeño por dotar a Cangas dun Auditorio Municipal.

O seu corpo será velado ao longo do día de hoxe no salón de plenos do Concello de Cangas para, posteriormente, trasladalo ao cemiterio de Coiro, a súa parroquia natal. A corporación municipal decretou tres días de loito na vila do Morrazo e bandeiras a medio mastro.

Home de teatro

Xosé Manuel Pazos Varela era, fundamentalmente, un home do teatro. Así foi recordado onte na páxina de Facebook de Teatro de Ningures, compañía que fundou no ano 1986. No grupo cangués foi todo: actor, produtor e, finalmente, tradutor, adaptador e dramaturgo en, practicamente, todos os espectáculos da compañía. En 2008 recibiu o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego polo espectáculo Emigrados, texto asinado xunto a Cándido Pazó, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado.

 

Pazos comezou a súa actividade escénica nos anos 70, promovendo iniciativas como o grupo de Teatro Matamouro de Coiro que derivaría no Colectivo de Teatro Múa e, posteriormente, na Escola Dramática Galega (sección de Vigo). Foi, ademais, fundador xunto á Asociación Cultural Xiria da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en 1984, festival que onte dedicáballe unhas últimas palabras de despedida na súa páxina web.

Autor teatral, o seu primeiro texto, Laídos para despois dunha guerra, escribiuno en 1979. Outras pezas destacadas da súa obra dramática foron Desembarco dos turcosDerradeiro berro de RandulfoO cazador Burlado, Crónica da pesteMaría SoliñaAct-Tress, ou Ida e volta.

Xosé Manuel Pazos foi, tamén, un prolífico adaptador e tradutor. Entre algunhas das dramaturgas e dramaturgos traducidos polo cangués destacan Eurípides, Itziar Pascual, Juan Mayorga, Laila Ripoll, Molière, José Sanchis Sinisterra ou Luigi Pirandello. No ano 2014 acadaría o Premio María Casares da AAAG á Mellor Tradución-Adaptación por A charca inútil de David Desola.

Colaborou, ademais, en diversas montaxes para o Centro Dramático Galego e con compañías coma Teatro do Atlántico, para a que adaptou as pezas O cerco de Leningrado de José Sanchis Sinistera ou Solo para Paquita de Ernesto Caballero, entre outras.

erregueté | Revista Galega de Teatro

Xosé Manuel Pazos Varela estivo vencellado á erregueté | Revista Galega de Teatro “desde a súa prehistoria”, en palabras do fundador da revista e primeiro director, Antón Lamapereira. Pazos aparece xa como colaborador no nº 4 do Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega, editado en 1985, e, até o día do seu falecemento, pertenceu ao Consello Editorial da erregueté.

Publicidade

Ademais de críticas e artigos, Pazos publicou na Revista Galega de Teatro traducións ao galego das obras: Lexión de Juan Mayorga [nº 16]; Holliday Aut., postal de amor [nº 21] e As voces de Penélope de Itziar Pascual [nº 31]; Memoria de Yolanda Pallín [nº 24]; A balada do cárcere de Circe de Rubén Cobos e Juan Carlos Talavera [nº 26]; e Os vivos e os mortos de Ignacio García May [nº 37].

Ida e volta Xosé Manuel Pazos

Entre as súas pezas editadas na erregueté atópanse María Soliña [nº 18], Tres exercicios para café-teatro [nº 45], Ida e volta [nº 58] e a micropeza INRI (INiciativa polos Recortes no Idioma) [nº 76].

Lembranzas

Ás homenaxes da MITCF de Cangas e de Ningures sumáronse numerosas institucións e persoeiros da cultura galega.

Foi o caso do dramaturgo, director e narrador oral Cándido Pazó, que escribiu nas súas redes: “A principal liña argumental do espectáculo que estou a ensaiar nestes momentos, ‘Mocos’, está inspirada nunha historia real que no seu momento me regalou Xosé Manuel Pazos. […] Por iso me produce unha grande emoción, e é para min unha inmensa honra, poder dedicarlle esta miña homenaxe narrativo-teatral a esa profesión, a de mestre de escola, que xunto co teatro e a política, era unha das súas grandes paixóns”.

A MIT de Ribadavia, a través da súa páxina de Facebook, tivo tamén unhas palabras para Pazos:

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

butacas covid |

Restricións máximas en Galicia con peche de municipios, teatros e hostelaría

Ímoste botar moito de menos, Pazos!

Ímoste botar moito de menos, Pazos!