in

Ímoste botar moito de menos, Pazos!

Ímoste botar moito de menos, Pazos!
Presentación do libro BANQUEIROS (Edicións Laiovento) no ano 2013. Na imaxe, a exdirectora da erregueté, Vanesa Sotelo, xunto ao actual director, Afonso Becerra, e Xosé Manuel Pazos.

Malas noticias! Non me gusta nada ter que escribir sobre malas noticias e esta é moi mala. Morreu Xosé Manuel Pazos Varela, compañeiro do Consello de Redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Morreu unha persoa á que lle teño moito aprecio e cariño, polo seu humor e desenvoltura, polo común amor ao teatro, pola mirada cun brillo de ilusión prendida en utopías necesarias. Non coñezo tantas persoas con ese brillo nos ollos.

Uns ollos saltóns, cun aquel entre falcatrueiro e pillabán, capaces de mudar a noite no día. Unha voz inconfundible, cuns graves resoantes e acolledores.

Publicidade

Con Pazos era imposible aburrirse, sempre había anécdotas e proxectos para compartir.

Nas reunións do Consello de Redacción lembro o seu talante xovial, a súa complicidade intelixente, só co xesto e a mirada, case sen necesidade de falar e iso que el era un bo falador, unha persoa co don da conversa.

En fin, Pazos era un tipo xenial, dos que non hai. Ou si, pero… pero non coma el.

Non me gusta nada escribir obituarios, acho que ás persoas hai que quererlles de vivas e que debemos homenaxearnos todo canto poidamos mentres esteamos vivos. Penso que Xosé Manuel Pazos tamén era así, un home de moito traballar, pero tamén de moito desfrutar. Estar con el era, en certo sentido, incluso nunha reunión de traballo, unha festa. Porque era un tipo divertido, sen poses nin engolamentos.

Penso que a morte é un asunto natural, pero fodido, porque a vida é o único que temos e porque é moi difícil aceptar que non poderemos ver a alguén nunca máis. Ou iso é o que me parece a min.

Ás veces, é como se a morte revalorizase ás persoas que leva consigo. Neste caso non creo que o amigo Pazos necesite revalorización ningunha. Quen tivemos a sorte de tratalo, coñecelo e desfrutar coa súa compañía sabemos que, nin o cargo de alcalde de Cangas do Morrazo, nin a súa habelencia como dramaturgo e tradutor de pezas teatrais, fundador da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCF) de Cangas e membro, case desde os inicios, hai 37 anos, desta revista… sabemos que non se trata de méritos, nin destes nin doutros, nin de ser o mellor, senón que se trata doutra cousa que ningún obituario pode recoller. Porque, como rezan os versos de Uxío Novoneyra, “O aire ten unha cousa / que se perde se un a conta”.

Lembranzas? Sempre. Fixádevos como era Pazos que eu penso que, se chego a vello, hei seguir lembrándome de moitos momentos compartidos até o final. Incluso daquel obradoiro de dramaturxia posdramática que din hai anos na Mostra de Cangas, ao que asistiu como alumno, xunto ás súas colegas de Teatro de Ningures. Que ben o pasamos! Como desfrutei coa súa ironía e o seu humor, a súa xenerosidade e atrevemento á hora de xogar. Estou a sorrir mentres lembro e escribo, así, por riba, sobrevoando recordos preciosos.

Está o sorriso ao lembrar, pero tamén a tristura.

Hoxe, no día en que escribo isto, chove miudiño sen parar e desde a xanela do Berbés non se albisca Cangas nin Moaña do outro lado da ría. Hoxe morreu o estimado Pazos e non dou creto e fico parado. Hoxe, o día en que se dita que os teatros van pechar, por mor da peste, até finais de febreiro, alén da Candelaría que anuncia a primavera.

Publicidade

Haberá que respirar e tomar alento.

Ímoste botar moito de menos.

Publicidade
Publicidade
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xosé Manuel Pazos

Adeus ao ‘Alcalde do Teatro’: morre Xosé Manuel Pazos Varela

IV Premio Roberto Vidal Bolaño

Aberto o prazo do IV Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais para adolescentes