in ,

Aberto o prazo do IV Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais para adolescentes

IV Premio Roberto Vidal Bolaño

O Premio Roberto Vidal Bolaño volve, por cuarto ano consecutivo, impulsado pola Editorial Galaxia, o Concello do Porriño e o equipo de dinamización lingüística do IES Ribeira do Louro. A recepción de obras está aberta ata o 15 de abril de 2021.

 

O Premio Roberto Vidal Bolaño é un certame que nace da necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato e coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por estudantes do ensino secundario.

BASES

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.

2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.

3. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.

4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.

5. O premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.

6. O PRAZO de presentación de orixinais remata o 15 de abril de 2021.

7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto cun sobre cos datos do autor/a.


Publicidade

8. O ENVÍO das obras farase a través de correo postal ao enderezo: I.E.S Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.

9. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.

10. A obra gañadora darase a coñecer no mes de xuño de 2021. Farase entrega do premio nun lugar que se convirá, para tal efecto, na última semana dese mes.

11. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.

12. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado ou serán enviadas contrareembolso se o autor ou autora así o desexa. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.

13. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.

 

Máis información na web da Editorial Galaxia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ímoste botar moito de menos, Pazos!

Ímoste botar moito de menos, Pazos!

Mesa de Luces do Teatro

A AAAG demanda á Xunta un plan de rescate para traballadoras das artes escénicas