Hoxe venres 29 de xaneiro, ás 17.30h, poderemos ver unha apertura online de Instante Gradual de Kirenia Martínez Acosta (Kirenia Danza) a través da web de Dance Program Malmö. Haberá, tamén, un espazo de chat para poder compartir as impresións.
A sinopse de Instante Gradual, peza coa que Kirenia Martínez Acosta (Kirenia Danza) está a desenvolver unha residencia artística en Malmö (Suecia), di que “cada momento son dous momentos”, e refire aos cambios continuos, graduais, que experimentamos en todo momento. A peza xa recibira o apoio do programa europeo de mobilidade I-Portunus, para unha residencia artística en Matera, Capital Europea da Cultura no 2019, en Italia. Agora, Kirenia volve saír de casa para poder atopar un tempo propio, de creación e de coidados, no que seguir desenvolvendo esta peza. En Instante Gradual, Kirenia quere amosar a potencia do seu corpo e da súa experiencia de bailarina, con toda a vulnerabilidade que isto conleva tamén, traballar na reconstrucción propia e falar daquilo que non adoita ser visible, pero que non é visible porque non falamos diso.
Kirenia Martínez é coreógrafa, bailarina e intérprete, con 20 anos xa de dedicación á danza. Orixinaria de Cuba, formouse e comezou a traballar en danza alí, e leva os últimos 16 anos instalada en Galicia onde ten colaborado con proxectos diversos, principalmente a co-dirección da compañía Entremans e dirixindo tamén o seu propio proxecto, Kirenia Danza dende 2019.
Estes días está desenvolvendo unha residencia artística do seu proxecto Instante Gradual no marco do KID – International Dance Program Malmö de Suecia, organizado por Skanes Danskollegium, nos centros Dansstationen e Danscentrum Syd. Un contexto onde, en palabras de Kirenia, “os artistas están dotados de moitos máis recursos, son moi respectados e existe unha conciencia social da importancia de non perder o importante e de protexer á cultura”. Na web do International Dance Program Malmö, fanlle unha entrevista a Kirenia na que conta como se iniciou na danza: “comecei na interpretación porque semellaba o único traballo no que nunca me aborrecería. Gustábame o xogo, cambiar cousas e estar sempre a facer algo, pero cando sentín o poder da danza, non precisei nada máis. Creo que así foi como me convertín nunha bailarina”.
Esto que di enlaza directamente co espírito e a vocación desta residencia artística, á cal se refire Kirenia como “unha residencia coreográfica pero tamén terapéutica: un tempo para mín, para o coidado do corpo, para o entrenamento”. É dicir, a residencia serve para crear material coreográfico, pero tamén como excusa para volver á danza como bailarina, para afastarse daquilo que (valga a redundancia) lle afasta da danza no día a día: a burocracia, o financiamento, a dirección, produción e distribución dos espectáculos, os papeleos da empresa…. E non só iso, tamén a conciliación, as esixencias da vida a partir de certa idade, o desgaste físico asociado á profesión de bailarina, que acarrea lesións. Un tempo para incidir nesa insistencia e resistencia de seguir dedicándose á danza dende o seu estado físico actual. O cal pode proporcionar un material físico e uns coidados persoais para a propia vida, pero tamén un material valioso para o desenvolvemente dunha creación coreográfica e dun discurso que non é moi habitual nos escenarios (onde prima a imaxe da bailarina xoven, cun corpo virtuoso), porén un discurso totalmente necesario. Incluso, á hora de lograr que un público amplio, se poida sentir apelado polo que os corpos poden contar e transmitir dende a escena.
Un dos desexos que impulsan esta residencia é a necesidade de disfrutar do seu corpo tal como é a día de hoxe, a potencia do corpo dunha muller pasados os 40 anos, co desgaste e as lesións incorporadas, pero tamén coa intelixencia e a experiencia de tantos anos dedicados á danza e á propia vida. Un corpo “que leva anos sufrindo a violencia propia da profesión da danza: burocrática, física, económica…”; e a necesidade de falar disto, tanto con ela mesma como con outras persoas. Ela lánzase a si mesma a pregunta de como ten que relacionarse ese corpo e que cualidades ten que traballar para continuar na danza. Poñendo en cuestionamento os camiños habitualmente marcados (afastarse da interpretación e pasar a dirixir únicamente, facerse profesora de danza, ou forzar a un corpo a seguir coma se tivese 18 anos).
Neste sentido, Kirenia traballou estes días na residencia elaborando unha batería de preguntas arredor da vida profesional na danza; que compartiu por un lado coa comunidade de bailaríns que atopou en Malmö e, doutra banda, con persoas próximas aos bailaríns pero que non coñecen de maneira directa a profesión. “Ata cando dura a carreira profesional dunha bailarina? Cantas horas de entrenamento diario precisa? Pode conciliarse coa maternidade? E coa paternidade?” E recibiu respostas de todo tipo, claro. Se ben ela mesma resaltaba que alí, en Suecia, teñen unha visión máis ampla das posibilidades desta carreira profesional, están máis protexidos.
Kirenia está traballando tamén estes días na pre-produción do seu próximo espectáculo, Tres Tristes 2.0, xunto con Miguel Azcue e a súa compañía Memory Wax, residente en Malmö. A súa previsión é estrear este novo espectáculo a mediados deste ano en Malmo e Santiago de Compostela. Esta é unha das tres coproducións do Centro Coreográfico Galego para 2021, xunto con Umbral de Javier Martín e Festina Lente de Andrea Quintana e Colectivo Vacaburra.
Estes achegamentos aos proxectos coreográficos que tecen rede con espazos diversos de creación, non fan máis que destacar a importancia das residencias artísticas nestes tempos, que permiten a artistas e bailaríns concentrarse no que lles é propio: a creación e o coidado os seus corpos. Espazos-refuxio da violencia diaria e do medo que xa existía antes (pola precariedade que atravesa a profesión cultural), e que nestes tempos de pandemia está a agravarse.
Ligazóns a máis información:
– Online Sharing of Gradual Instant: evento online, venres 29 Xaneiro ás 17.30h. Preme aquí para asistir
– Kirenia Martinez Acosta / Kirenia Danza. Gradual Instant. Residency January 2021 KID International Dance Program: entrevista e máis información sobre o proxecto de residencia.