in

Homilía breve sobre misa e teatros

Homilía breve sobre misa e teatros
As tentacións de San Antonio, Jan Brueghel

En Galiza decretouse o peche dos teatros, auditorios e centros culturais, pero, segundo parece, non foi así cos centros de culto. Por tanto, non podemos ir ao teatro pero si a misa. Sobre isto algunhas persoas do colectivo teatral fixeron brincadeira nas redes sociais. Que non nos falte o humor! A brincadeira xorde pola comparación entre dous actos públicos que teñen algúns elementos comúns: a congregación de fieis, podería ser un deses elementos, e outro a condición, en certos aspectos, de cerimonia ritual que tamén posúe o teatro, alén das súas orixes en ritos prehistóricos. Cultura e culto semellan ter a mesma raíz.

Até a chegada á predicible terceira vaga de contaxios da COVID-19 logo do Nadal, tiñamos por certo o cancelo que reivindicaba #aculturaésegura ao cumprírense, nos teatros e auditorios, todas as normas prescritas polas autoridades sanitarias: redución do número de espectadoras/es, uso obrigatorio de máscara, distancia interpersoal, hixiene de mans, toma da temperatura corporal, etc.

Parece ser que coa terceira vaga superando en contaxios as anteriores e coas novas mutacións do virus, moito máis contaxiosas, non convén que a xente ande partillando espazos, nin transportes… Porén, as igrexas seguen abertas como servizos esenciais, tal cal a consulta do médico, da psicóloga, a farmacia ou o súper mercado.

Eu non son virólogo e non vou opinar sobre a pertinencia ou a coherencia das normas decretadas polo goberno e o seu comité clínico, só faltaría!

Para min as artes e a cultura son un ben esencial que debería estar garantido nuns mínimos. A amiga Mercedes Queixas, escritora e deputada polo BNG no Parlamento de Galiza, presentou unha proposta para considerar a cultura como un ben esencial, pero os votos en contra do partido de goberno, que ten a maioría absoluta, botaron abaixo unha lei que garantiría aquilo que nos fai humanas e colabora na nosa saúde: a cultura.


Publicidade

A Igrexa, porén, sempre estivo vinculada ao Estado. Ben, sempre, sempre, non. Nos tempos da República, non. Pero desde a Ditadura até os nosos días, si. E iso dá que pensar.

Non obstante, tamén é certo que o goberno non necesita lexislar sobre a capacidade das igrexas porque a misa, até onde eu sei, só van unhas poucas persoas. Seguramente un número ben inferior ao de calquera redución da capacidade. E iso que non hai que pagar entrada, aínda que, de xeito indirecto, a través do Estado, a esteamos a financiar. A escenificación da liturxia perdeu moito desde que foi eliminado o máxico efecto das divinas palabras en latín, substituídas, na maior parte das parroquias, polo castelán. Que Deus en Galiza fala castelán, non como en Catalunya, por exemplo, onde fala catalán. Para min que se Deus e o Diñeiro (a patronal ou a existencia dunha alta burguesía) falan nunha lingua, entón esa lingua e a cultura á que pertence vense bendicidas e prestixiadas. O poder dá prestixio e iso parece que non muda. Alén diso, aquelas divinas palabras en latín xeraban misterio e xa se sabe que os misterios, sexan os das palabras, sexan os dos actos, sexan os do mesmo Deus, concitan unha irresistible atracción. Velaí tamén a forza das ficcións que nos amparan, nos dan esperanza ou escorrentan os medos.

En fin, que a deusa Talía nos inspire! Non obstante, deuses mediante ou aparte, imos facer todo o que estea nas nosas mans para que a cousa mellore e os teatros poidan abrir canto antes. Polo ben do sector profesional implicado e polo da cidadanía culta.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

St

Superando a Stanislavski (sen traumas!)

Ana Beatriz Pérez

Ana Beatriz Pérez estreará unha peza online xunto a Hedwig Dances