Lalocura
Todxs temos demos internos. Demos que lle falan á nosa cabeciña e aparecen nos momentos máis insospeitados, cando as defensas están máis baixas. Bibiana Monje decidiu facer un exorcismo teatral amosando os seus demos internos, a súa cacofonía persoal, feita a base de cicatrices biográficas, e expoñela coma un striptease enriba do escenario.
Xa nos recibe o mesmo demo, estando a actriz no escenario cando o público vai entrando e sentando nas butacas, mentres realiza unha especie de esconxuro a través de voces e movementos -algúns intelixíbeis, outros non- cos que conforma un prólogo ao que logo virá.
Lacura é unha biografía teatralizada, onde a protagonista utiliza a súa vida (ou retrincos da mesma) para falar de cousas universais, que nos acontecen a todxs, en maior ou menor medida. A infancia como lugar de xestación do mediocre ser humano que somos agora mesmo. O abuso daqueles que máis queremos e dos que máis dependemos, que nos fai dependentes tamén a nós e, sobre todo, fainos pequenos seres cheos de medos e inseguridades xa que, naquel entorno suposto de atención e coidado, todo era un engano, todo era unha farsa, todo era unha trampa.
Bibiana Monje é unha actriz de comedia -iso nótase-, ten soltura nos gags e comodidade na improvisación, introducindo o que acontece na sala como vehículo para que o público entre aínda máis no espectáculo, para que se involucre e se identifique coa súa traxicomedia.
O dominio técnico reflíctese, tamén, no uso dos audiovisuais e na súa relación cos mesmos. Vídeos e proxeccións, loops eternos de voces e son que a artista grava en directo e usa como fondo musical para as súas escenas domésticas.
Mais, se cadra, a grandeza desta peza é a universalidade acadada a través do persoal. O feito de ter unha avoa coma a señora Cuca, unha maltratadora psicolóxica que vende amor a prezo de submisión, e que todxs poidamos recoñecer esa figura como propia, fala da mestría da actriz e do coidado na fabricación desta peza. O mesmo acontece coa personificación da mesma avoa a través dun mandil, ou da nai inalcanzábel a través duns lentes de sol, ou da mestra/monxa/mestra a través dunha lima de unllas, ou do pai… Onde está o pai? Está o pai?
Lacura é un espectáculo para desfrutar, rir e entenrecerse coas vivencias dunha pequena pícara convertida en muller neurótica, na procura da súa saúde mental perdida. Non hai concesións: a actriz íspese con naturalidade e mostra os secretos que lle apetece. Non hai piedade, tampouco, para con ela mesma. Mais esta falta de piedade está adozada coa mirada da que sabe do que fala. Da que sabe dos seus demos e é quen de conversar con eles de fronte. Da que sabe que a cura está precisamente, en observar con limpeza o acontecido e mostralo con honestidade.