in

Soga e Cinsa

Soga e Cinsa de Aporía Escénica
Foto de Ricardo Grobas | Faro de Vigo

Meigas somos todas

 

Confésoo, agardaba con moita ansia a estrea de Soga e Cinsa no Auditorio de Vigo. Dende que tiven noticia da súa xestación, meses atrás, e sabendo do tema e da admirada equipa que participaba nela, converteuse nunha peza soñada.

Afortunadamente, a peza dirixida por Diana Mera escapouse polas marxes das miñas fantasías, e non transita por onde eu prefiguraba. Iso, encantoume. Saben por que? Porque adoro que me collan por sorpresa.

Publicidade

Soga e Cinsa non é unha peza de bruxas. Soga e Cinsa é unha historia de mulleres. É a historia do maltrato secularizado da Humanidade (ou debería dicir, humanidade?) ás mulleres. Si, de toda a humanidade, como ben mostra esta peza de xeito sutil e dramático. Por unha banda, a Inquisición, espazo tétrico de poder falocéntrico; ou as arquivoltas de Heinrich Kramer e Jacob Sprenger e o seu Martelo das bruxas (Malleus Maleficarum). Pola outra, unha nai que na defensa das súas fillas acusa á súa propia irmá de bruxería; ou unha rapaza moderna, intelixente e madura, que cae nas redes intelectualoides do heteropatriarcado renunciando ao seu ser instintivo.

Porque Soga e Cinsa é unha chamada ao instinto, aos vínculos de sangue entre as mulleres. Unha chamada á sororidade, á irmandade feminina, ao sostén mutuo e ao non esquecerse de quen es, de onde ves, de todo o que te conformou como muller.

En Soga e Cinsa entran en cuestión moitos dos alicerces da sociedade moderna, a través da metáfora da bruxería e de como a caza de meigas dos séculos XV a XVII inflúen no que somos hoxe como mundo. Por unha banda, o declive da sociedade tradicional, na que as mulleres menciñeiras, sabedoras dos remedios naturais, entraban en contacto co extraordinario, algo que a sociedade do seu tempo tivo que abandonar a favor da orde teocentrista imperante. O alén, o misterioso, o mitolóxico, quedaba fóra das nosas vidas, recluído na superstición e na herexía. Pola outra, unha sociedade neocapitalista na que os intereses económicos son postos por riba dos humanos, no que o teu asasinato convértese nun beneficio (económico) para min, que te denuncio, ou que vivo do negocio da morte. Non esquezamos que estamos a falar dun xenocidio, o xenocidio de case 60.000 mulleres só en Europa, da tortura e asasinato de mulleres que, nalgúns casos, gardaban consigo a sabedoría de tradicións seculares e, noutros, sucumbiron á cobiza, envexa, medo ou prexuízo analfabeto dxs seus semellantes.

A maxia de Aporía Escénica é levar todo isto ao formato teatral, nunha peza de tres cadros e un epílogo que nos fai transitar polos mundos das sombras e do descoñecido, do instintivo e sensual, do animal, mais tamén pola luz da ciencia e da ilustración.

Soga e Cinsa é un retábulo medieval, con sombras de martirio barroco e luz de autopsia, que constrúe figuras de especial plasticidade. A peza contén momentos máxicos, como a representación do axustizamento a través da acrobacia en cordas, a ironía da tortura reflectida nunha coreografía de natación sincronizada, a opresión da muller convertida en danza cunha cortina, ou a aparición da Deusa do Sangue: a chamada á forza primitiva, coa que se constrúe un vínculo que fala tanto do sangue que corre polas nosas veas como da importancia da menstruación, algo absolutamente deostado polo home (este si, con minúsculas) e cuxa estigmatización contribuíu ao estrañamento entre a muller e o seu corpo, algo que segue a acontecer a día de hoxe.

A maxia de Aporía Escénica é, tamén, facelo rodeándose dunha equipa de mulleres talentosas, do máis representativo do teatro actual galego, ben sexa diante ou detrás do escenario. Unha peza ambiciosa, como se botan de menos no noso panorama e nestes tempos de restricións, cun elenco de nada menos que 11 actrices de idades e especialidades diversas, e que amosan unha comunidade especial, unha complicidade reflectida en moitos intres laterais, case tanxenciais, a través de acenos e xestos, agarimos, palabras e enfrontamentos, pero que conforma o esqueleto principal da peza, sobre a que se sustenta.

Con todo, boto en falta un chisco máis de maxia (quen o diría!). O efecto onírico acadado polos espazos nos que domina o corpo rompe coa frontalidade da palabra, interesante mais se cadra, nítida de máis. O epílogo final é, ao meu gusto, demasiado brusco e, se ben temos un xogo de sombras  que apunta cara o máxico, dura pouco tempo e, cando se mete dentro do caixón, queda esvaecido pola distancia co público, chamando por unha amplifiación.

Isto, comparando cun primeiro cadro no que as actrices compoñen unha coreografía que por si mesma explica, con toda a súa poesía e misterio, toda a historia da bruxería en Galicia (e máis aínda, xa que por momentos aparecen a Santa Compaña, as bruxas de Macbeth, os aquelarres de Salem ou as Parcas gregas). Eu, voume poñer ambicioso e voulle pedir a Diana Mera que faga polo menos unha triloxía con este tema. Queremos máis meigas!

E é que con Soga e Cinsa págase ademais unha débeda que o teatro galego ten para con as meigas, tan presentes na nosa tradición e mitoloxía local, e tan ausentes no noso repertorio teatral. Agás o fermoso poema tráxico sobre a figura de María Soliña, autoría do dramaturgo Xosé Manuel Pazos (unha figura a reivindicar e estudar polos teatreiros actuais e, tristemente, recentemente falecido), e que acada representación anual grazas ao esforzo de Teatro de Ningures en Cangas;  o texto de Carlos Labraña Estrelecer, estreado como lectura dramatizada na SGAE; e a peza que anda a cociñar Diana Sieira coas Residencias Cruzadas do CDG, The Witch, onde están as meigas no noso teatro?

Publicidade

Voume permitir unha derradeira reflexión. Soga e Cinsa abre no Auditorio do Concello de Vigo a nova tempada de estreas teatrais, logo da reapertura dos teatros na nosa comunidade (agás en Ourense, como ben anota Roberto Pascual no seu artigo para a erregueté). Transcorreu así practicamente un mes dende a derradeira vez que fun quen de ver algo de teatro en vivo e, confésoo, non acado entender como isto pode acontecer. Como é que o teatro non está considerado un ben de primeira necesidade? Como é que estamos nun mundo que desleixa deste xeito o noso alimento cultural e, diría, ata espiritual? Como é posible que estean abertas as igrexas e non os teatros? Porque ás igrexas vaise a pregar, e aos teatros, a pensar. O xeito no que a política trata á cultura é arrepiante de cotío, mais, a súa xestión durante os estados de excepción decretados, éo aínda máis.

Publicidade
Publicidade

Soga e Cinsa, Aporía Escénica

Dirección e dramaturxia: Diana Mera
Asistencia de dirección: AveLina Pérez
Interpretación: Nerea Brey, Sonsoles Cordón, María Costas, Diana Mera, Raquel Oitavén, Marta Pérez, Merche Pérez, Rosa Puga Davila, María Roja, Nuria Sotelo e María Tasende
Espazo e vestiario: Montse Piñeiro
Iluminación: Montse Piñeiro e Del Ruíz
Son: Francisco Gallardo
Realización escenografía: José Faro ‘Coti’ e Montse Piñeiro
Confección vestiario: Marta Ferrer
Gráfica e colaxe: Paulina Funes
Foto: Marcos Canosa e Montse Piñeiro
Maquillaxe foto: Esther Quintas e Elisa Gil
Vídeo: Pío Cribeiro
Vídeos didácticos: Lucía Estévez
Madriñas vídeos: Mariana Carballal, Inma López Silva e Silvia Penas

Estrea no Auditorio Municipal de Vigo. 19 de febreiro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pura Os Náufragos Teatro

O teatro volve ao Rosalía de Castro coa estrea de ‘Pura’

Lacura Bibiana Monje

Lacura