in ,

O CDG presenta o programa de creación ‘Residencias cruzadas’

salon teatro04 |

O programa vaise desenvolver no Salón Teatro do Centro Dramático Galego entre o 2 de febreiro e o 18 de marzo con nove propostas creativas, combinadas en cinco proxectos que inclúen accións dirixidas tanto aos profesionais do sector como á cidadanía.

Residencias cruzadas comeza a súa andaina este mes de febreiro no Salón Teatro. A sede compostelá do Centro Dramático Galego (CDG) albergará o primeiro proxecto do programa de residencias para profesionais da escena galega: Somos teatro. Teatro e inclusión social, creado pola actriz, directora e pedagoga teatral Chusa Pérez de Vallejo, e que procura investigar na inclusión desde unha perspectiva global. A súa proposta concluirá cunha formación en liña aberta a profesionais das artes escénicas e a todas as persoas interesadas en afondar na necesidade de xerar realidades teatrais inclusivas para que a discapacidade non impida traballar en igualdade de condicións. Baixo o título Somos os luns, a parte formativa desenvolverase os luns de febreiro a partir do próximo día 8, entre as 20 e 22 h.

Variedade de propostas

As Residencias cruzadas continuarán cos proxectos para a reflexión e a experimentación compartidos entre Diana Sieira, creadora de The Witch, e Helena Salgueiro, con Ferro, Federici. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas creadoras analizarán, do 9 ao 15 de febreiro, a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como marco de investigación. A partir do 13 de febreiro, Voadora con Sincro, e Lucía Díaz-Tejeiro con Akrasia, abordarán os ocos das memorias individuais no relato colectivo.

Asemade, Producións Dispersas, con Mentres dure a canción, e Mónica Sueiro, con 15 minutos, afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo entre o 15 e o 20 de febreiro. Finalmente, do 21 ao 25 deste mes, Anómico Teatro, con Mosaico de anxos, e a compañía Señor López, con Manuela Rodríguez é unha inuit, pecharán as Residencias cruzadas con dúas lecturas complementarias sobre exilios e migracións.

Todas as residencias culminarán con encontros abertos ao público na segunda quincena de marzo.

Residencias Cruzadas |

Espazo de encontro

O programa Residencias cruzadas supón para as compañías participantes un novo modelo de traballo, xa que con este programa, o CDG busca propostas artísticas con temáticas, imaxinarios, idearios ou formatos semellantes que poidan retroalimentarse. “Trátase así de fomentar o encontro dos profesionais e de dinamizar o sector escénico a prol do enriquecemento de futuras exhibicións teatrais”, indican desde o teatro público.


Publicidade

Deste xeito, o organismo dependente da Xunta, busca facilitarlles ás compañías un espazo para o encontro, a reflexión e a investigación, poñendo á súa disposición o Salón Teatro de Santiago de Compostela, nun momento no que as exhibicións están suspendidas por mor das restricións derivadas da pandemia COVID-19. A iniciativa destas Residencias cruzadas ten, tamén, como obxectivo achegarlle o proceso de creación escénica ao público, con accións formativas e encontros abertos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vigocultura |

Escena Galega demanda ás administracións a blindaxe do sector escénico

Bases do Premio Abrente

Convocado o XVI Premio Abrente de Textos Teatrais