in

Escena Galega demanda ás administracións a blindaxe do sector escénico

Vigocultura |
Vigocultura

A Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas traslada á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña unha batería de propostas coa fin de asegurar a programación das artes escénicas en Galicia.

 

Escena Galega, asociación de referencia para o sector profesional das artes escénicas en Galicia, traslada nun comunicado dirixido ás administracións a súa fonda preocupación sobre as restricións á cultura derivadas da crise sanitaria da COVID-19 e sobre as dinámicas que rexirán o funcionamento do sector neste ano 2021. Inciden, ademais, na importancia da blindaxe do sector neste contexto de emerxencia sanitaria e trasladan ás administracións unha batería de propostas.

A Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas indica que desde a pasada semana e, polo de agora, ata o vindeiro 17 de febreiro, os espazos culturais galegos manteranse pechados, imposibilitando a programación de espectáculos e a conseguinte distribución do traballo das empresas escénicas asociadas. Dende Escena Galega consideran urxente a adopción de accións e medidas para paliar os efectos desta paralización de actividade, lembrando que xa nas semanas previas o sector escénico viviu unha intensa situación de cancelacións e suspensións.

A organización ten contabilizadas case 200 suspensións e cancelacións de espectáculos e é prioridade para o sector que as administracións competentes promovan medidas específicas a curto e medio prazo que faciliten a normalización no desenvolvemento da actividade das compañías, as e os profesionais e os e as creadoras.

Batería de propostas

As empresas da Asociación Sectorial puxeron en común unha batería de medidas específicas que xa foron trasladadas á Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia, as dúas administracións públicas de referencia no desenvolvemento de proxectos e políticas culturais relacionadas coa escena profesional en Galicia.

Escena Galega aposta pola blindaxe da programación de escénicas promovida pola Administración Autonómica e a adaptación ao contexto actual das iniciativas promovidas no marco da programación oficial do Xacobeo 2021-2022, así como a ampliación do prazo de programación de espectáculos e a reprogramación das funcións que xa estivesen previstas e que non cheguen a chegar ás táboas, tanto na programación autonómica como na da rede de distribución provincial. Tamén se solicita a execución dunha liña de axudas que cubra o lucro cesante das compañías profesionais que teñen paralizada a súa actividade neste momento concreto e, en xeral, nestes meses de emerxencia sanitaria.

Dende a FAETEDA -entidade á que pertence Escena Galega– e xunto con outras institucións sectoriais a nivel estatal tamén se trasladou unha carta á ministra de Facenda, solicitando unha mesa de negociación sectorial con este Ministerio para tratar a solicitude da baixada do IVE das entradas ás funcións e o caché dos espectáculos. Poden revisarse as propostas completas en www.escenagalega.gal.


Publicidade

Cultura Segura

Cultura Segura

Escena Galega promoveu a finais do pasado ano e en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a campaña #ApoiaÁEscenaGalega (que incluía consignas como #ACulturaÉSegura ou #NonNosCanceles) coa que pretendeu incidir en que os espazos escénicos son lugares seguros e que non se teñen detectado gromos en ningún espectáculo ao vivo dende o comenzo da crise da COVID-19.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pé de Pedra

Matarile Teatro presenta a web do Festival En Pé de Pedra

salon teatro04 |

O CDG presenta o programa de creación ‘Residencias cruzadas’