in

Reabren os teatros en Galicia (menos o Auditorio de Ourense)

Auditorio de Ourense
Imaxe de Turismo de Ourense

Á marxe da decisión máis ou menos coherente e discutible que tomou a Xunta de Galicia de pechar os teatros e outros espazos culturais de maneira xenérica en toda a comunidade o día 27 de xaneiro, entre as medidas restritivas para o control dos contaxios e dos incrementos de casos de COVID-19, a diferenza doutras coma a de Madrid, a realidade que nos trae a súa reapertura a partir do vindeiro 18 de febreiro, ao 30% da súa ocupación, trae consigo unha cuestión de fondo e unha particularidade concreta sobre a que consideramos moi importante reflexionar.

Ourense, a Atenas galega, está a padecer coma nun mito grego actualizado, o castigo, a praga da anticultura, dos antivalores, da burla ao espírito da xeración Nós no momento en que debiamos celebrala de verdade. A cultura padece máis ca ningunha outra área, quizais, o despotismo dun alcalde con prácticas ubuescas, destrutoras e ridiculizantes. A tiranía e a mofa irónica de quen di en redes sociais e no púlpito escenográfico dun Concello-espectáculo que está “a tope con la cultura” mais tamén suxire que os técnicos nin acertan nin soen ter bo gusto porque non saben atraer ao público (e polo tanto hai que pechar o servizo), danan a cada paso os piares das institucións, tamén as infraestruturas, circuítos e iniciativas culturais consolidadas ou en proceso de consolidación. O pasado 15 de xaneiro o Concello de Ourense emitía un comunicado insólito, tanto polo contido coma polo ton. Un comunicado que se defende antes do ataque e que saca peito coma o último da lista para berrar algún mérito que o pretenda escusar de ser o último da lista. Di que Ourense é a locomotora cultural de Galicia aproveitándose do traballo que levaron a cabo os músicos e as persoas que deseñaron e traballaron na execución da cabalgata estática do Nadal. Un mérito dun conxunto de persoas traballadoras, maioritariamente profesionais das artes escénicas, aos que despois de que se lle puxesen máis atrancos ca facilidades, agora ven como un Alcalde-Concelleiro, encarnado en comunicado-propaganda-fake, quere usurpar aqueles bos resultados en beneficio político propio, seu, individual para (véxase o paradoxo) atacar e pechar ao colectivo do que forman parte, o das Artes Escénicas e Musicais.

Quixemos falar con todas as partes ante esta grave situación, tanto cos técnicos de Cultura do Concello coma co Teatro Principal (que segue dependendo da Deputación Provincial), artistas da cidade e o propio Alcalde. Queremos valorar con elas e con eles o pasado e presente do Auditorio e da actividade teatral de Ourense, un referente no cal teñen desenvolvido as súas residencias, proxectos, ensaios, encontros co público, investigacións, talleres, etc., artistas e colectivos ourensáns de todas as disciplinas escénicas coma Sarabela, IlMaquinario, Corpo (a) Terra, Boneca Lareta, Antagonista Teatro, TrasPediante, Crémilo, etc. Traballadores/as intermitentes pero con visións e accións a longo prazo, asentando bases comunitarias, actividades diversas e con identidade, a mellora das dinámicas e a adecuación paulatina de todo o que ten que ver cunha cidade creadora e difusora de prácticas escénicas periga ante a dinamita do desaforado alcalde, concelleiro de cultura e multifuncións. Valoramos a situación e os motivos das debilidades, a posibilidade de protestas e novas peticións de dimisión e a aprendizaxe (se é que se pode sacar algunha) desta crise local de cara ao futuro.

 

A decisión de aprazar a actividade escénica, polo menos ata o mes de abril aínda que sen concretar, foi tomada unilateralmente pola Alcaldía de Ourense aducindo prevención e seguridade sanitaria, así como eficiencia (aforrar un servizo público é ser eficiente?), motivos que provocaron reaccións críticas en todos os ámbitos, pois en ningún momento as autoridades sanitarias recomendaron tomar esta medida nese momento nin cunha temporalidade tan grande. Ademais, do feito pode lerse, como indica Olga Mojón, directora do Teatro Principal, certa acusación a quen non segue eses presuntos bos actos “¿ou tamén se quere indicar que o Teatro Principal e a Deputación como titular do mesmo son menos responsables por ter aberto e con actividades un espazo escénico na mesma cidade?”. O persoal técnico insiste en que existen posibilidades e capacidades para garantir as condicións de seguridade e o dereito cidadán para que na cidade de Ourense, a terceira de Galicia en densidade poboacional, existan dous espazos escénicos coordinados e complementarios para garantir unha oferta pública diversa no ámbito escénico e musical, tanto para as maiorías coma para as minorías, pois ese é o deber e responsabilidade da xestión pública, a diferenza da xestión privada (tamén xerar interese e non o contrario é un deber público).

O persoal do Auditorio de Ourense séntese desconcertado ante esta situación, tanto polas consecuencias económicas coma institucionais que poden conlevar esta precipitada decisión do Concello, adornada de responsabilidade e protección sanitaria fronte á COVID-19. Aínda que confían en que poida recapacitar na decisión, alertan das consecuencias que pode ter tamén non asinar o convenio de colaboración coa AGADIC, principal fonte de financiamento do servizo, así como do dano que lle pode supor ás empresas profesionais esta posible saída do Auditorio da Rede Galega de Teatros e Auditorios por causa dunha desisión sen sustento legal nin amparo do rigor na xestión municipal.


Publicidade

Igualmente, un alcalde tamén debe pensar en todos os cidadáns que representa e non menosprezar ou recortar unha actividade se a ela poden acudir aínda que sexan poucas persoas. Neste sentido, ademais, os responsables doutras actividades escénicas indican que non é certo que exista pouca demanda. Fernando Dacosta, director da MOTI, afirma que veñen de celebrar o festival infantil co auditorio cheo (completo ata o que as autoridades e a normativa da Xunta de Galicia vai indicando sobre os aforos en base a criterios dos comités de especialistas e do tratamento dos datos semana a semana). Respectar as indicacións e non tomar outras supostas medidas preventivas semella ser a solución máis sensata (“non ser máis papista có Papa”, como di Olga Mojón), pois os cidadáns esperan que na súa cidade os traballadores/as dos espazos culturais fagan todo o posible para que ese sexa un dos lugares máis seguros nos que estar, como confirma a afluencia de público nestes últimos meses segundo as fontes consultadas. Neste sentido, pode caerse tamén o argumentario cuantitativo e de eficiencia económica que en diferentes circunstancias xa ten manifestado o actual Alcalde de Ourense con respecto á cultura en termos de rendibilidade monetaria, fama ou efecto inmediato en forma de moitos likes.

Dende a erregueté | Revista Galega de Teatro tamén nos quixemos poñer en contacto co Alcalde de Ourense, quen ten as competencias delegadas en materia cultural nun goberno en minoría sostido por 3 persoas, para coñecer en profundidade a súa argumentación da cancelación da programación escénica municipal ata, en principio, o mes de abril, como dixemos. Gonzalo Pérez Jácome aseverounos que a súa é unha boa decisión, porque afirma ter datos que así o confirman. Preguntado por eses datos, indicou que en días pasados, nun concerto organizado polo Auditorio municipal, asistiron só 40 persoas, o cal para o rexedor é un síntoma do medo e doutros multifactores (sen especificar) que levan á cidadanía a non querer acudir aos espazos culturais e que polo tanto sería un erro mantelo en funcionamento. Desta peculiar situación, podemos, polo tanto, sacer dúas conclusións importantes:

  1. O resultado final desta situación é un síntoma evidente da debilidade do sistema escénico no noso país, non só un exemplo peculiar. A ausencia dun marco normativo, dunha lei que impida tomar unha decisión arbitrariamente de peche dun servizo cultural (as bibliotecas municipais poden ter tamén diversas problemáticas, pero seguiron abertas na cidade mentres non houbo unha normativa común e clara que o impedise por mor da pandemia) deixa ao sector escénico e musical nunha situación de indefensión e precariadade engadida ante calquera toma de decisión unilateral, de abuso de poder, punitiva ou inconsciente.
  2. Quen protexe ás minorías se os poderes públicos non o fan? Que acontece se un xestor público decide aplicar criterios de xestión que non atenden aos deberes, responsabilidades e garantías da xestión pública da cultura para a diversidade social? Velaquí de novo a importancia dos marcos normativos, como unha Lei Galega de Artes Escénicas que o goberno galego se resite a promover.

A xente, o público de Ourense ten dereito, máis alá do sector esconómico e dos artistas aos que se lles van caer funcións (que tamén). A cidadanía do municipio ten dereito, máis alá cá xente que poida vir de fóra, como nos expuxo o alcalde na entrevista telefónica, pois debe saber que goberna para a cidadanía de Ourense, non para a xente de fóra da cidade que lle permite facer caixa. Facer caixa non é o cometido dun rexedor público nun teatro. O cometido é atender á cidadanía, maiorías e minorías, sempre que a situación o permita, cos aforos e medidas establecidos en cada franxa temporal polas autoridades competentes.

Neste sentido, pronunciáronse en diferentes canles de comunicación tamén compañeiros do técnico responsable da programación do Auditorio de Ourense, Manuel Freire, moitos deles membros das Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). Así, Carlos Lorenzo Pérez afirmou: “A xestión da cultura desde o ámbito público ten agora máis responsabilidade ca nunca para servir de soporte do tecido cultural. Se a esfera política non sabe ao que ten que estar (por desgraza cada vez ocorre con máis frecuencia), debemos ser os profesionais que cobramos a nómina con diñeiro público os que nos esforcemos por facerlle ver cales son as políticas culturais que se demandan nestes tempos difíciles”. Nesta mesma idea de compromiso e responsabilidade, vai máis alá a responsable da programación do Auditorio do Concello de Vigo, que acaba de presentar a programación de semestre: “Unha vergoña consentida polas supra-institucións que amparan (supostamente) estas programacións, pero que non fan nada para sancionar aos Concellos que cancelan con compromisos adquiridos e sen ningún tipo de xustificación legal.”. As palabras de Marta Núñez volven poñer énfase en varios aspectos importantes, todos eles en conxunto, como son: a independencia dos profesionais e o rigor técnico, a importancia da actividade no PIB, os dereitos da cidadanía de acceso a un espazo seguro para as artes escénicas en tempos de pandemia e a esixencia e coordinación dos gobernos.

Ante esta irresponsabilidade ou disidencia do Concello de Ourense parece estar unha das últimas solucións que estes días presentaba un grupo político no Parlamento de Galicia: vista a deixación de funcións do Concello de Ourense, que actúe a Xunta de Galicia ofrecendo unha solución en forma de política de discriminación positiva e así a cidade teña un servizo de seu escénico e musical que debería seguir tendo a partir deste vindeiro día 17, tal e como fará o Teatro Principal. Como recorda Fernando Dacosta, “as duplicidades, triplicidades ou máis son importantes, como o son en calquera cidade mediana do mundo coma Ourense, máxime en situacións coma esta que estamos vivindo que esixe un esforzo (económico e organizativo de Concellos, gobernos autonómicos e provinciais) levando a cabo actividades en pequenos grupos, con distanciamento, medidas de seguridade e confort dun servizo ensencial, si, esencial, por moito que haxa que non queira entender ou responder adecuadamente ás súas obrigas”.

O comunidado de prensa oficial do pasado 15 de xaneiro dicía que aínda pechando o Auditorio, “Ourense cidade mantén unha oferta cultural que é superior á demanda actual”. Este sentenza tamén  nos debería facer reflexionar como comunidade ante o escandalosamente falaz e a carencia de rigor empírico dunha nota instititucional. Que datos demoscópicos, que tratamento dos mesmos existen para afirmar isto? Que fai o Concello para paliar esta situación? É por culpa da COVID ou da visibilización das actividades, da importancia da mediación e de trasladar á cidadanía as mensaxes correctas de cara a convivencia e a confianza nas estruturas e profesionais públicos da cultura? Ás veces, as situacións de anomia ou situacións críticas fan estourar os peores valores da sociedade, pero permitir unha regresión nun sistema xa de por si moi débil sería realmente o peor que lle poida pasar. Atallar a situación cultural en Ourense é urxente. Alerta vermella en Ourense.

Roberto Pascual

Roberto Pascual

É director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. No ámbito creativo e investigador, publicou 'Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro' (Xerais), '40 anos daquel Abrente' (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans 'Matalobos' para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra 'La Merda', de Cristian Ceresoli, traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do web do CCG, realizou o guión do documental 'Non vale parar'. No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Susana Crespo de El Ruiseñor

Susana Crespo: “É incomprensible que o teatro non teña o seu sitio na ensinanza pública”

Galaxia presenta 'A cámara escura'

Galaxia publica ‘A cámara escura’ de José Luis Baños de Cos