in ,

Galaxia publica ‘A cámara escura’ de José Luis Baños de Cos

Galaxia presenta 'A cámara escura'
Imaxe do Concello do Porriño

O III Certame Roberto Vidal Bolaño recaeu nun dramaturgo novo que está a ter unha actividade constante e crecente. José Luis Baños de Cos presentou o seu novo libro o pasado día 12 de febreiro no Porriño, acompañado de Lourdes Moure, concelleira de Educación, Juana Gómez, directora do IES Ribeira de Louro, a dramaturga Raquel Castro e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

 

A cámara escura preséntase como un texto actual ao que se lle pode sentir o pulso da escena con diálogos áxiles a través dun rexistro de lingua próximo á mocidade, como indica a propia presentación editorial. Porén, non faltan en A cámara escura referencias ao teatro clásico, como a figura do coro, transformado en grupo de WhatsApp, personaxe colectivo que revolve conciencias. Sen dúbida, estamos diante dunha peza e dun certame moi importante para o ámbito xuvenil, para o teatro nos institutos e para conectar dun xeito directo co imaxinario, a creatividade, as inquedanzas e a linguaxe da xente nova.

A protagonista desta obra, Alicia, comparte unha foto súa co seu crush. Con dezaseis anos hai moitos motivos que te obrigan a “compartir”. Pode recoller nunha foto toda a historia dunha dor? Pode borrarse unha foto e facelo coa dor tamén? Alicia envía unha foto e a instantánea vólvelle reenviada coma unha labazada. Alicia contra Alicia.


Publicidade

A cámara escura

José Luis Baños de Cos é antropólogo e estudoso de técnicas de teatro social e teatro do oprimido. Este andaluz afincado en Galicia vén demostrando estes últimos anos ser unha voz puxante do teatro galego ao gañar o Premio Abrente da MIT de Ribadavia en 2019 coa peza Asfixia (Difusora de Letras, Artes e Ideas), o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle coa obra O círculo (Asociación Cultural Alexandre Bóveda) ou a escrita de textos para compañías teatrais como Teatro ó Cubo, Titereficcións ou Fanfarra Teatro.

A nova edición deste certame de teatro convocado polo Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a propia editorial Galaxia xa está en marcha e o prazo para a presentación de orixinais remata o día 15 de abril de 2021. O premio consta de 2.000€ e a edición da obra, unha modesta cantidade que seguro irá medrando co avance da calidade do seu repertorio, do que tamén forman parte as obras de Ana Abad de Larriva con A sombra das árbores e Fernando Castro Paredes con A derradeira bala, e os efectos que este pode acadar polo feito exclusivo e innovador de estar en sintonía co público en idade adolescente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Auditorio de Ourense

Reabren os teatros en Galicia (menos o Auditorio de Ourense)

Alborada de Edipo de Xesús Pisón

Alborada de Edipo