in

El abrazo

El abrazo Provisional Danza
Foto de Juan Carlos Toledo

Tocadxs pola danza

 

Acórdaste da última vez que deches/recibiches un abrazo?

Arranca o festival de teatro e danza Isto Ferve de 2021 en Teatro Ensalle coa peza El abrazo, da compañía Provisional Danza. Durante os meses de febreiro e marzo, poderemos desfrutar de pezas dedicadas á exploración da innovación na linguaxe escénica, tal é o interese especial deste festival que se celebra en Vigo dende 2005.

Xs coreógrafxs Carmen Werner e Leyson Ponce, vinculados artisticamente dende hai anos, afondan na súa experiencia profesional e biográfica para falarnos do encontro, ese espazo místico que acontece cando dous (ou máis) seres humanos se achegan e ata se tocan.

Ben, se cadra falar non sería precisamente o verbo máis axeitado, pois estes corpos mais ben bailan, coliden, agarímanse e sepáranse, domínanse, sométense, rin, aterecen. Todo o que pode acontecer nun encontro pasa por e a través deses corpos.

Porque son os corpos os que expresan e viven o momento e son, os corpos de Carmen Werner e Leyson Ponce os corpos que se achegan ata encontrarse no escenario. Non é unha cousa calquera, xa que son dous corpos que teñen moito que dicir, que non deixan indiferente a ninguén, que pesan e flotan coa súa propia, única dimensión.


Publicidade

Porén, este encontro dos corpos, fala tamén da soidade. Da soidade dx que está so/x malia ter compaña. Da soidade de que ten medo da tormenta. Da soidade de quen busca o encontro e non o atopa. Da soidade de quen non é quen de se comunicar. Da soidade de quen é capaz de encontrarse con alguén, e bailar e rir e agarimar, e volve logo á súa soidade.

Con eles, percorremos unha sucesión de estampas, de cadros (non en van unha das inspiracións para esta creación son as pinturas de Edward Hopper) da vida, dos encontros cotiáns e do extraordinario deses encontros cotiás. Se cadra, é grazas á súa danza que podemos albiscar un tanto dese espazo extraordinario que pode acontecer en cada encontro, en cada abrazo.

A técnica é persoal. Recoñécese o selo austero, forte e erótico de Carmen Werner, as liñas mestras das súas coreografías, e tamén a dozura de movementos de Leyson Ponce, a tristura e a sombra. O suave do abrazo conxúgano no encontro dos corpos, facéndome soñar con apertas perdidas, co riso dos bailes xogando á sedución, co son do meu corpo baixo a choiva, coa necesidade do descanso.

Acórdaste da última vez que deches/recibiches un abrazo?

Provisional Danza volverán actuar na cidade de Vigo os vindeiros 25 e 26 de febreiro, coa peza ¿Quién eres? na Sala Ártika de Vigo.

El abrazo, Provisional Danza

Intérpretes e coreografía: Carmen Werner e Leyson Ponce
Selección musical e edición: Carmen Werner
Deseño e realización de vestiario e utilería: Luis Alonso
Deseño de iluminación: Daniel Abreu e Carmen Werner
Asistente de dirección: Sebastián Calvo
Fotografía: Juan Carlos Toledo

XVII Festival Isto Ferve de Teatro Ensalle, Vigo. 21 de febreiro de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Residencias Paraíso 2021

O Colectivo RPM convoca unha nova edición das Residencias Paraíso

Anomico teatro 1 |

Anómico Teatro estrea ‘Anxos abandonados en mosaicos despois do combate’ en Vigo