A peza, dirixida pola coreógrafa Ana Beatriz Pérez, preséntase mañá, 7 de marzo, ás 22.00 horas, na web da compañía con sede en Chicago.
A danza non espera sentada, non entende de claustros, de limitacións. Viaxeira incansable, cando non está no teatro, está na rúa e cando non, está no salón da casa; de algunha maneira encontra o xeito de saír a flote e encher espazos que non sempre son físicos, os espazos da alma. Despois de meses de confinamento, a Compañía Hedwig Dances de Chicago lanza a súa segunda peza en formato virtual, HOME: A Place Within, e desta vez vén da man da bailarina e creadora cubana asentada en Galicia Ana Beatriz Pérez, Betty.
HOME é un relato das nosas vivencias e emocións onde a danza, a voz, o espazo sonoro e a imaxe comparten territorio. A peza está situada nun contexto virtual que desexa botar unha ollada ao que somos, ás nosas experiencias. A casa como alegoría de abrigo, confort, ese lugar onde medramos e onde se instalan os nosos máis importantes valores como persoas: a casa natal que nos acompaña nas entrañas.
Preséntanse catro espazos da casa que cobran vida xunto aos seus donos, catro paredes que son testemuña das súas palabras, medos, alegrías e incertezas. Elas/es senten, soñan e reflexionan sobre o que pasa da pel cara adentro…, a casa que respira e, por momentos, se humaniza. Unha porta é a entrada e saída a todo aquilo que desexamos; unha parede é soporte, consolo;, un teito é seguridade; unha ventá convértese no lugar máis valioso por onde se coa o mundo e aquilo que vemos a través dela permítenos seguir soñando.
O espazo condicionante e manexable; o espazo, continente e contido. Unha visita ao interior dunha casa é unha visita ao teu interior.
Canto fala este espazo de min?
Que me conta, que quero que conte?
A banda sonora de María Move e Raúl Grillo é o tecido conectivo da peza, elemento integrador que se converte nun ente vivo, que entrelaza as distintas escenas e proporciona un xogo de atmosferas en cada estancia.
O relato virtual vaino compondo Jacob Snodgrass, a iluminación está a cargo de Michael Reed e a edición de vídeo é de Armando Martén. Hedwig Dances conta tamén para esta peza con Maray Gutiérrez na asistencia artística, Julie Vaulkmann como directora de operación e administración e Jan Bartoszek como directora xeral. As/os intérpretes son Jessie Gutiérrez, Jacob Buerger, Olivia González e Rigo Saura, que non só danzan, senón que son as/os encargados de soster a peza desde os seus propios cuartos, facendo visible o invisible. “Mentres o tempo pasa, eles e elas reinvéntanse”.
HOME empezou a súa andaina a mediados de outubro: catro meses virtuais que son testemuña dun intercambio entre continentes. Este non é un espectáculo gravado; nunhas horas ocorrerá en tempo real desde catro habitacións da cidade de Chicago e cruzará o océano Atlántico para chegar ás nosas casas. A cita é mañá, 7 de marzo, ás 22.00 horas CET, na web da compañía, e está dispoñible tamén o trailer da peza.
Desde a casa sóñase e constrúense os nosos grandes anhelos. A casa somos nós.