in

Anota no que vas

Irreverencias Anota no que vas
Anotacións escénicas de Irene Moreira

Unha das miñas irmás, cando quere contarche algo que non pode agardar, colle o teu brazo e di “anota no que vas”, e inserta o seu comentario a pé de conversa. A min encántame porque me parece un estilazo para interromper sen que poidan dicirche nada. Pasoume estes días e acordei que falar sobre a esquecida e pouco recoñecida anotación escénica sería case tan irreverente como Albert Boadella en calquera das súas intervencións públicas.

– Anotación que? Iso que é? Algún traballo posdramático?

– Pois é o código para anotar o movemento que usamos na dirección de escena. É certo que é importante para a autoría de dereitos dunha montaxe teatral. É preciso para, cando se fixan os movementos, poder rexistralos. Porque é bo ser eficaces no traballo, por moito que gostemos das derivas, que tamén debe habelas, os ensaios custan cartos e as producións teatrais deixan unha pegada de débeda na dirección irrecuperábel. Prezo que pagamos a gusto, se diriximos o que queremos, que no eido teatral adoita acontecer.

Todas fantasiamos con pertencer a algunha sociedade secreta. Sei que comeza a soar na vosa cabeza o valse de Dmitri Shostakóvich que Stanley Kubrick empregou no seu derradeiro filme, Eyes Wide Shut; si, pois a anotación é o noso barallete, o noso código segredo, un xeito rápido de anotar con certo “cifrado” que tamén nos fai presumir e resultar interesantes, que temos un ego case tan grande coma todo o elenco xunto!


Publicidade

As actrices dende hai ben tempo viven con cinco ou seis proxectos á vez, un delirio neoliberal para poder vivir na profesión. E, as temidas substitucións, que arruínan os procesos actorais longos, temos que asumilas na dirección con deportividade, porque o capital asolaga todos os eidos da creación. Para dirixir tes que ter varios proxectos en activo, e como é imposíbel concentrarse en máis dun proxecto creativo á vez, tes varios en diferentes fases; na de busca de documentación, en ensaios, en distribución… Polo que a anotación volve ser útil!

Os procesos de ensaios acurtáronse, a velocidade devoradora coa que consumimos contidos transliberais fai que teñamos que aliarnos, colectivizarnos e compartir saberes máis que nunca. Sei o que estades a pensar, para iso temos o vídeo e rexistramos o movemento cunha gravación, así non temos que anotar nada… Umh! Para min son ferramentas complementarias. O punto de vista do vídeo é frontal, non sendo que teñamos cámara no peite e o punto de vista da anotación é de paxaro, pero á parte diso, non é o mesmo ter o debuxo ao lado do texto que ter que mergullarte en vídeos de ensaios que consomen tempo; paga a pena perder un segundo coa anotación para aforrar o tempo despois. As distancias non son as mesmas e polo tanto a análise da composición escénica tampouco. O debuxo, a topografía, cunha semántica na recepción máis importante do que pensamos, está aí, neses sinais espazo-temporais, por iso é bo ser áxiles á hora de transcribir o movemento.

Ademais, non hai nada mellor que rematar o ensaio cunha birra transcribindo o movemento no pano de mesa do bar. Tamén tendes morriña dos bares e dos ensaios? Somos bohemias en tempos de plandemias que non conseguimos entender!

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Boas prácticas AGPXC

A AGPXC presenta un ‘manual de boas prácticas’ na xestión de espectáculos ao vivo

Fábulas da montaña

Larraitz estrea ‘Fábulas da montaña’ en directo e streaming