Malia que as datas habituais do Festival Internacional de Títeres de Redondela son en maio, a organización vese na obriga de mudar a vixésima segunda edición a setembro por mor da pandemia da COVID-19.
A Asociación Xente Titiriteira, organizadora do Festival Internacional de Títeres de Redondela, informa que a XXII edición do festival celebrarase do 1 ao 5 de setembro de 2021. Repítese, así, o modelo do pasado ano, onde as medidas e os protocolos permitiron a celebración do FIT de Redondela con total seguridade.
Desde a organización aseguran que se están estudando diferentes escenarios posibles e son varias as liñas de traballo que están a desenvolver para facer un FIT 2021 seguro, motor social e cultural de Redondela.
“Os nenos e nenas fieis á súa cita cos títeres de Redondela poden estar tranquilos, pois a principios de setembro desfrutaremos coma nunca do espectáculo e a maxia do teatro”, tranquilizan desde a Asociación Xente Titiriteira.
Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo)
A finais dos 90, Juanjo Amoedo, presidente da Asociación de Veciños de Redondela, iniciou as xestións oportunas para celebrar o primeiro Festival Internacional de Títeres de Redondela, pero un desgraciado accidente truncou os seus desexos.
Tralo seu falecemento, diferentes colectivos da vila pontevedresa uníronse e decidiron seguir adiante coa idea iniciática de Juanjo e fundaron a Asociación Xente Titiriteira co obxectivo de levar adiante un Festival de Títeres en memoria do seu impulsor.
Neste 2021 chéganse ás vinte e dúas edicións, convirtindo ao Festival Internacional de Títeres de Redondela nun dos acontecementos culturais máis importantes de toda Galicia.