in

Fabián Bastos: “O podcast de ‘Lapis e Papel’ fai que o teatro chegue a máis público”

Fabián Bastos de Lapis e Papel

Fabián Bastos é un rapaz que naceu en Vigo hai 26 anos. Defínese coma un neno de aldea e, aínda que está graduado en artes gráficas, a súa verdadeira vocación é a de comunicador, motivo polo que decidiu especializarse en locución radiofónica e xornalismo dixital. Comezou no mundo do teatro hai nove anos no grupo da súa contorna e dende hai seis presenta eventos relacionados co mundo da cultura, deporte e moda, entre os que están a Festa da Cereixa de Beade ou, no ano 2016, as conferencias técnicas de C!Print (Madrid). En 2019 comezou a súa aventura radiofónica co podcast teatral Lapis e Papel, no que analiza a axenda escénica semanal de Vigo e da súa comarca.

Por que un podcast de teatro?

A razón pola que elixín falar de teatro é porque resido nunha das parroquias de Vigo onde se vive moito esta rama artística. Nunha época normal, sen pandemias, podía haber dúas actuacións mensuais de grupos de teatro afeccionado. A simple vista parecen poucas, pero tiña que convivir co folclore e o canto coral. A isto hai que sumarlle que moitos veciños escoitan a radio. Algúns deles non poden acudir aos auditorios ou salas debido á idade ou á súa mobilidade, polo que considerei que era unha forma diferente de achegarlles cultura. Por outra banda, debo confesar que con este podcast conseguín unir os meus dous grandes amores: a radio e o teatro.

Publicidade

Agora ben, podería ter máis seguidores nun formato dedicado, por exemplo aos deportes ou música? Quen sabe, igual si. Pero opino que xa hai moito contido sobre esas temáticas, polo que iso axudou a que me decantase finalmente por un rango que podemos definir coma descoñecido para moitos.

Como xorde Lapis e Papel?

Lapis e Papel comezou sendo unha pequena sección mensual do Esperta Valladares, o magacín matinal das ondas de Radio Valladares. Un día, Yoli, a súa presentadora, convidoume a participar nel e eu escollín o teatro como tema. Lembro que tiña como título “A axenda teatral” e constaba de dúas partes: a primeira, na que falaba dun xénero en concreto (musical, comedia, traxedia…); e a segunda, onde repasaba todo o que ía acontecer na cidade e arredores durante ese mes. Logo, co paso do tempo, a sección foi medrando e os 20 minutos asignados non chegaban. Foi cando sacamos en conclusión que tiña que xurdir un podcast.

Ese apartado estivo presente do mes de marzo a xuño. Catro meses despois, tras múltiples probas piloto durante o verán, pasaría a denominarse Lapis e Papel, tendo á actriz Rocío Salgado como madriña e voz da cabeceira.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]”A cultura e a educación deberían ir xuntas da man”[/perfectpullquote]

Levas un ano co programa de radio e cada vez son máis as persoas que se conectan para coñecer a actualidade escénica de Vigo e arredores. Que balance fas destes primeiros doce meses?

O balance é positivo porque, como ben dis, cada vez son máis as persoas interesadas nas artes escénicas. Ben é certo que os comezos non foron doados, porque nos inicios estaba eu só diante do micro e facendo de técnico á vez, ademais de compaxinalo con outro podcast.  Despois chegou o que ninguén imaxinaba: o programa deu un parón moi longo e tocou reflexionar.

Debo recoñecer que esa etapa foi moi dura, porque sentín a necesidade de realizar conversas vía Skype ou directos a través das redes a persoeiros relacionados co teatro e a arte en xeral. Isto non o puiden levar a cabo porque non dispoñía dos medios necesarios, pero foi a razón pola que agora engadín unha entrevista por programa e abrín o abano cara outras modalidades. Ademais, durante o primeiro ano, tiña as redes sociais moi descoidadas. Só publicaba o cartel do programa e un resumo da axenda en voz en off. Agora hai unha carteleira, vídeos, crónicas e as historias de Instagram xogan un papel fundamental, dado que son moi visuais e á xente é o que lle gusta.

Lapis 1 |

Moitas veces parece que nos teatros só coincidimos a xente dos teatros. Cres que formatos como o podcast radiofónico pode ser unha boa estratexia para chegar a máis públicos?

Publicidade

Penso que si, porque achega o contido a un rango de público moito maior. Se nos fixamos, a xente de máis idade segue a consumir a radio convencional, pero os de 50 para abaixo mudaron ao concepto de podcast ou contido á carta. Ter a posibilidade de escoitar un programa cando e onde ti queiras é un punto a favor, porque non dependes dun horario e se tes que paralo por calquera razón, falo e continúas despois.

Por outra banda, tamén está o formato vídeo-podcast, que moitas emisoras xa están a realizar. Antes era inimaxinable ver a Pepa Bueno ou Carlos Alsina facer o seu programa. Agora é unha realidade, incluso hai emisións coma o Nadie sabe nada, de Andreu Buenafuente e Berto Romero, ou La vida moderna, de David Broncano, que levan público. Ao final chegas á conclusión de que non sabes se estás na radio ou na televisión, pero o que está claro é que é o futuro que temos máis preto.

Moito se ten falado do desmantelamento da Cultura en Vigo por parte do Goberno Municipal e como se dá prioridade, por exemplo, ás luces do Nadal fronte a unha programación de espectáculos sólida.

Un bo amigo meu díxome nunha ocasión que a cultura e a educación deberían ir xuntas da man. Por que digo isto? Vigo é a cidade onde menos se fala galego e, segundo o informe realizado o ano pasado pola Fundación Contemporánea, a número 33 de 35 analizadas a nivel cultural.

Cada día estou máis convencido de que o problema non está tanto na programación como na comunicación ou no interese por parte do cidadán. Non é normal ser das últimas cidades en nivel cutlral tendo lugares como a Sala ÁrtikaTeatro Ensalle, o Auditorio Municipal do Concello, o Mar de Vigo ou o Teatro García Barbón. Lembremos que aquí vivimos moi recentemente as representacións de Jauría, de Teatro Kamikaze; Fariña, de Ainé; Here comes your man, de Tarambana; ou os monólogos de Berto Romero e Ignatius Farray. Por outra banda, están os locais especializados en monólogos, como poden ser o Ícaro ou o Urban Market. E non podemos esquecernos das parroquias, onde destacan os auditorios de Beade, Bembrive, Matamá e Valadares, que poden ofrecer unha gran diversidade cultural aos seus veciños grazas a programas coma Pontegal, da Deputación de Pontevedra.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]”Vigocultura é un gran acerto porque achegan á cidadanía un teatro de moita calidade a un módico prezo”[/perfectpullquote]

Sobre a programación que realizan dende o Concello, penso que Vigocultura é un gran acerto porque achegan á cidadanía un teatro de moita calidade a un módico prezo. Isto pode axudar a atraer novo público. Tamén, se facemos memoria, en marzo do ano pasado, durante o confinamento, levaron a cabo a iniciativa de Confinarte con cultura, para que os profesionais puidesen amosar a súa creatividade. En verán chegou o Vigo en Festas, que se achegou a cada recuncho da cidade para acoller diversas actuacións de música, baile ou teatro e o Festival TerraCeo, que ofreceu música e monólogos. Isto último foi un punto moi a favor para promocionar a cultura coas Illas Cíes de fondo.

Cres que debe mudar algo?

Gustaríame ver no Auditorio Municipal do Concello as obras do Certame de Teatro Afeccionado de Vigo e a obra conxunta que realizan estes grupos polo Día das Letras Galegas, porque daría a coñecer un teatro diferente a persoas do centro da cidade que rara vez se achegan cara aos exteriores. Ademais, daría un plus de enerxía aos actores e actrices non profesionais que realizan a función con moito agarimo.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]”O sector pasou por situacións moi angustiosas e non son poucas as familias que viven del”[/perfectpullquote]

Sobre as luces e os 10 millóns de lámpadas LED, ben é certo que existen moitas discrepancias entre os cidadáns, pero Vigo pasou de ser unha cidade descoñecida para moitos a saír en programas coma Late Motiv. Con isto quero dicir que se nesas datas es quen de atraer a milleiros de persoas de todo o mundo, o normal é ofrecer unha programación cultural moi forte e de calidade, porque a mellor publicidade que pode ter unha cidade é o boca a boca. Penso que se o turista ou vigués que vai ao centro a ver as luces e se atopa cun concerto en acústico, monólogo ou función teatral por puntos chave das rúas e salas ou teatros, saen encantados, porque lles ofreces algo moi variado. Isto faime lembrar cidades coma Madrid, que na época de Nadal é moi famoso o espectáculo de Cortylandia. Polo tanto, se temos espazos, programación e comunicación, o que hai que fomentar é o interese do cidadán.

Falas da programación de Vigo e arredores. O futuro de Lapis e Papel pasa por cubrir a programación doutros lugares? Cal é o plan que tedes para o programa?

Sería marabilloso poder comunicar o que acontece noutros puntos da xeografía, pero, polo de agora, é complicado porque son a única persoa á fronte deste proxecto. Por outra banda, é necesario investir moito tempo, dado que hai que escribir guións, ver obras, falar delas, preparar entrevistas, gravar o podcast e os vídeos semanais.

En canto á pregunta sobre o futuro de Lapis e Papel, a idea é continuar chegando aos oíntes e renovarse, porque o que pide o público é un contido propio. Podo poñer de exemplo ese vídeo semanal de 2/3 minutos no que resumo brevemente o que vai acontecer na cidade ou o especial de Sempre nos quedará a cultura, gravado precisamente no auditorio no que comecei a facer teatro e co que quería simbolizar o que foi o 2020: un ano que agardo que non se repita, porque o sector pasou por situacións moi angustiosas e non son poucas as familias que viven del. O que si que me gustaría é seguir adiante co formato vídeo-podcast e levalo cara outras plataformas.

Publicidade
Publicidade
Avatar

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FIT Redondela

O XXII FIT de Redondela celebrarase en setembro

Primavera enDanza

Presentada a programación da XIX Primavera enDanza de Carballo