O Teatro Ensalle de Vigo comeza hoxe a súa tempada co espectáculo O que segue, de Funboa Escénica, unha creación de Cristina Balboa dirixida e interpretada por ela mesma. Poderá verse dende o venres 17 até o domingo 19, ás 21:00.
O que segue creouse nas residencias Paraíso do Colectivo RPM e do Salón Teatro e presentouse como proceso no ciclo Mulleres en Acción – Violencia Zero en Cambados e Picnic Sessions de CA2M de Madrid. O proceso finalizou de novo no Salón Teatro cunha última residencia e coa estrea os días 18, 19 e 20 de outubro.
Segundo a creadora, O que segue “son eu que o sigo intentando, soñando que conseguirei satisfacer completamente a miña necesidade de comunicación. Non pode existir sen a música nin os xuízos das miñas disertacións sobor da realidade. É un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo, a danza e un relato feroz do cotiá, nas miñas contradicións entre a arte e a vida”.
Á obra de Funboa Escénica seguirana Pentecostés, da compañía Pálido Domingo, que poderá verse do xoves 23 ao domingo 26, e Antes de que llegue la Bestia, de Ensalle Teatro, que estará en cartel do xoves 13 ao domingo 16.