in ,

Here Comes Your Man

O vitimario do acosado(r)

O vitimario do acosado(r)

Precedida dunha forte contracampaña (os carteis cos que se anunciaba foron arrancados e vexados polo centro da cidade de Vigo, nun ataque consciente, intolerante e homófobo), a peza da compañía madrileña Tarambana é unha autoría de Jordi Cadellans, quen tamén a dirixe, man a man, con Raül Tortosa; actores de recoñecida traxectoria.

Anunciada coma unha montaxe que relata, de xeito cru e explícito, as consecuencias do acoso escolar pola orientación sexual, a peza céntrase no encontro de dous homes que foran compañeiros de colexio sendo nenos, durante a celebración de despedida do cura que fora o seu titor.

A peza nace cunha clara intención expiatoria. Todx quen teña sufrido algún tipo de acoso durante o seu tempo de escola, poderá verse reflectidx dalgún xeito nesta peza. Con todo, o achegamento ao tema do acoso e as súas consecuencias nunha persoa adulta non é o único que aborda esta obra complexa: o xogo de poder, a vinganza, a represión, a submisión, a familia como lugar de abandono, a fama, a amizade ou a identidade sexual son algúns dos outros (non pequenos) temas que afronta.


Publicidade

Precisamente, na súa enorme complexidade temática podemos topar con algúns puntos de vista cuestionábeis. O xogo de vítima e verdugo, o agredido que se converte en agresor, eses lugares intercámbianse todo o tempo durante a peza, nun ritmo interesante e pouco explorado (as vítimas adoitan aparecer como vítimas, e os agresores como agresores, e punto). Por outra banda, as teorías sobre a sexualidade soan aos meus oídos se cadra categóricas de máis para unha peza que pivota sobre un tema tan interesante, como é o da dúbida: quen é realmente a vítima? Que lle interesa a cada un do outro? Que estratexia están a seguir para acadar o seu plan? Se cadra, enfocar tanto a peza no tema do acoso escolar desloce todas as incógnitas que tamén presenta.

A posta en escena é sinxela e moi clásica: un dormitorio en remodelación que xustifica a presenza dos andamios, os bloques e as redes, que nos remiten de xeito inmediato á importancia que tivo o fútbol no pasado das personaxes. Xogo de luces e moita música, coa presenza importante do tema Here Comes Your Man, tema mítico dos Pixies e de lectura tan críptica como a peza. En escena, un maratón de desgaste emocional para os actores Sergi Cervera e Marc Ribera, que deixan a pel (e a toalla) no escenario.

Here Comes Your Man, de Jordi Cadellans

Dirección: Jordi Cadellans e Raül Tortosa.
Elenco: Sergi Cervera e Marc Ribera.
Asesoramento literario: Muriel Villanueva.
Deseño de escenografía e iluminación: Ricard Martí e Sergi Cervera.
Vestiario: Tarambana Espectáculos.
Iluminación e espazo sonoro: Betho Carvajal e Sara Esquivel.
Composición musical: Momo Cortés.
Deseño gráfico e deseño cartel: David G. Bonacho e Óscar Jarque.
Fotografía: Antonio Garci.
Produción executiva: Nacho Bonacho.
Distribución: Intxizu Bengoa – Muevo Management

Sala Ártika, Vigo. 14 de novembro de 2020.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Escenas do cambio 2021

A sétima edición de Escenas do Cambio xa ten programación

Isabel Risco

Isabel Risco estrea ‘Bravas’