Será hoxe ás 20.30 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo.
Conexión Pingüín é unha comedia sobre a incomunicación protagonizada por Luís Iglesia e Marcos Orsi con texto de José Prieto e producida por Culturactiva Producións. Tralo éxito de Sénior, os dous actores xúntanse de novo para meterse na pel de dous intrépidos montañeiros que tratan de chegar á Antártida.
A peza, que conta co apoio da AGADIC, a través das súas axudas á creación escénica, fala da incomunicación entre os seres humanos, un mal que fai estragos todos os días e a todas horas, pois nesta era tecnolóxica, da conexión inmediata, da telecomunicación, nunca as persoas estiveron tan lonxe entre si. Trátase pois dunha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación, nunha posta en escena que mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte e, sobre todo, moito humor.
Por unha beira, os dous protagonistas trasladarán o público ao ano 1923, cando tivo lugar unha famosa expedición con rumbo ao Polo Sur. Por outra beira, a unha conferencia formal que, case un século despois, rememora e actualiza aquela fazaña antártica.