O punto medio
O punto medio é, segundo a filosofía oriental, o punto xusto, a exacta medida entre dous extremos que provocan tensión, tirando en direccións opostas. Tan desastroso pode ser para o individuo habitar nun deses extremos, coma no outro. Porque nos extremos está o exceso.
É a práctica budista theravada do madhyamā-pratipad, o camiño do medio entre dous camiños que nos levan á precariedade, á pobreza espiritual: un á austeridade e outro á indulxencia. O camiño do medio é o punto no que ficamos con nós mesmos, sen perdernos neses excesos.
Precisamente, o punto medio é o lugar onde eses excesos atopan equilibrio. Un equilibrio que precisa de tomar algo deses puntos extremos na súa medida xusta, para o individuo poder acadar así a súa tranquilidade interior e non converterse nun autómata, nun clixé.
Este é o camiño que Mikel Aristegui propón no seu espectáculo In Between, un percorrido que vai dende os extremos dos roles de xénero, amosando as tensións que hai en cada un deses puntos (home/muller), mais tamén entre ambos extremos, nas relacións entre eles e consigo mesmos. Unha viaxe polos clixés tanto do que é ser “home” como “muller”, así como os que se poden dar nas diferentes combinacións de relación entre muller-home-muller, na procura dese “punto medio” ideal.
Non quero dicir que este sexa o obxectivo do espectáculo. O espectáculo amosa un dos moitos posíbeis camiños que se poden percorrer nesa liña de tensións. Non é tanto a procura dese “punto medio” que todo sistema en desequilibrio busca, senón o camiño en si mesmo, coa especificidade das tres persoas que o percorren (neste caso, Nuria Sotelo, Rosabel Huguet e o mesmo Mikel Aristegui) e que, polo tanto, fan único ese percorrer, xa que está impregnado das súas referencias, biografías e puntos de vista.
En escena, un camiño que non é unha liña recta, senón que abonda moitas veces dos percorridos circulares, transversos, en zig zag. Así, comezamos co que para min é unha escena de nacemento: un punto de partida onde os seres que van percorrer ese camiño do medio se amosan indiferenciados no sexo e no xénero, algo que xorde da propia vibración que os leva á vida, o pulo que os impulsa fóra da bolsa amniótica cara a un mundo que nos separa dende o nacemento polos nosos xenitais.
Ese punto de partida ten un tanto de transo e de éxtase, algo que lembra á teoría do orgasmo, ou do nacemento sen pecado: a posibilidade de vir ao mundo sen esa dor coa que condena a Biblia á muller e que tamén sufrimos todxs xs nadxs así paridos e que fala incluso da probabilidade dun nacemento con orgasmo incluído (imaxinades?). Velaquí un primeiro clixé que moitxs podemos dar por feito, mais que así danzado supón toda unha potencia.
No camiño, as relacións humanas mediatizadas por esa separación binaria home/muller. Aparece a tensión, a agresión, o empuxe, mais tamén o sustento, a amizade, o amor e, como non, a morte, o desmaio, a soidade. Todxs vibramos no mesmo movemento dende que habitamos este mundo condicionado polos roles de xénero.
Nesta liña resúltame moi interesante a exploración tanto dos propios corpos dos bailaríns, coma da significación que lle dan ao vestiario, no que o intercambio de pezas de roupa (con referencias evidentes á separación por sexos) lévame a cuestionarme, unha vez máis, o binarismo na nosa cultura e o cárcere que este supón. Son, de novo, extremos e excesos (do latín excessus: ex, cara a fóra, e cedere, camiñar; é dicir, literalmente: fóra do camiño) no que o ser humano perde dimensión, limitándose a si mesmo física, mental e emocionalmente.
A proposta de In Between fala da exploración do non binario e da fluidez nese camiño. Eu, con todo, vexo unha proposta que amosa como o binarismo nos afecta e nos constrinxe, unha exploración dos roles de xénero, mais cá ambigüidade propia do non-binario, da persoa que non se adscribe a ningún destes extremos e que, polo tanto, ofrece unha proposta que choca de fronte coa composición da nosa cultura heteropatriarcal.
Efectivamente, aparece o fluír e o probar, como a exploración que fan a partir dos trouser roles arquetípicos da ópera (como o Orfeo de Glück ou o Cherubino de Mozart) ou da figura da bailarina de ballet, ou mesmo o uso da música coas voces adulteradas, mais son, estes, camiños que xogan cos mesmos roles e, polo tanto, abondan (malia a súa transgresión) no terreo da definición binaria. Coido que –e isto é, como todo o antes escrito, unha opinión absolutamente subxectiva– para amosar o non-binarismo cómpre algo máis, que implique saír dun xeito radical fóra do xogo a dúas bandas: unha revolución absoluta para o noso pensamento actual.
En movemento, os corpos de dúas mulleres e un home que cuestionan tensións que a maioría de nós asumimos como diarias sen decatarnos: Rosabel Huguet, bailarina de orixe catalá e enorme proxección internacional, que amosa o movemento non só co corpo, senón tamén coa palabra, a voz e o berro; Nuria Sotelo, que volve amosarse como unha presenza imprescindible dentro da danza contemporánea galega (logo das súas inesquecíbeis intervencións en espectáculos como Daimon y la jodida lógica de Matarile e Soga e cinsa de Aporía Escénica), e o mesmo Mikel Aristegui, quen xa vén explorando o cuestionamento dos roles de xénero dende o seu Neutrois de 2017, e ofrece unha composición chea de forza e matices.
In Between preséntase esta fin de semana na sala do Teatro Ensalle de Vigo, logo dunha estrea no Auditorio Municipal de Ourense no ano 2018 (cando era aínda un espazo no que se podía gozar da cultura) e no que é a primeira peza composta por Aristegui en Galicia, amosando, de novo, que a danza contemporánea galega é unha das prácticas que máis teñen que dicir nos escenarios do noso país.