in

Diversas entidades culturais demandan a reapertura do Auditorio de Ourense

COVID-19
Imaxe de Señora Supina
Trece entidades das artes escénicas e da música de Galicia rexeitan nun comunicado a decisión do Concello de Ourense, e do seu alcalde Gonzalo Pérez Jácome, de manter pechado o Auditorio Municipal da cidade. Escena Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Plataforma Artes do Movemento (PAM), a Asociación de Compañías de Danza “Emprendo Danza”, a Asociación de Profesionais de Circo de Galicia (APCG), a Unión Internacional da Marioneta de Galicia (UNIMA), Músicas ao Vivo, a Academia Galega de Teatro, a Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (TESGAL) e a Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE) emitiron onte, venres 12 de marzo, un comunicado no que rexeitan a decisión do Concello ourensán, liderado por Gonzalo Pérez Jácome, de manter pechado o Auditorio Municipal desde principios deste ano 2021. Segundo indican as entidades asinantes no documento, “a normativa vixente no referente ás restricións derivadas da crise da COVID-19 non impide a programación de espectáculos, concertos ou calquera outra actividade de cultura ao vivo nos Concellos galegos. O sector do espectáculo ao vivo ten demostrada a súa boa praxe e capacidade de adaptación profesional á hora de implementar as medidas hixiénico-sanitarias necesarias para a contención da Covid19 nos teatros,  xa que a preocupación e a vontade do sector é facer da cultura ao vivo un espazo de máximas garantías de seguridade non só para o público, senón tamén para os e as traballadores/as, pertenzan estes ao ámbito técnico ou ao ámbito artístico. Boa proba disto son as excepcionais medidas levadas a cabo non só nos teatros e auditorios senón tamén no ámbito laboral, de protección de todos e todas”.

O documento sectorial sinala que “a decisión do consistorio ourensán atende a unha xustificación política e non técnica, e non ten cabida porque entra en conflicto, primeiro, coa normativa vixente, e despois co dereito da cidadanía á cultura. En relación a esta decisión, o Concello non ten por exemplo renovado o convenio co circuíto escénico e musical promovido pola  Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), nunha clara declaración de intencións sobre non programar actividade nos vindeiros meses”.

As entidades asinantes rexeitan “a determinación do equipo de goberno municipal de desatender a programación cultural da cidade. Coa súa falta de colaboración, o consistorio pon de manifesto a súa falta de sensibilidade -mais, por riba de todo, de interese- por achegar á cidadanía o abano de programación cultural que lle corresponde como dereito”.

O comunicado finaliza idicando que “as consecuencias desta decisión unilateral afectan directamente á veciñanza e supoñen unha grave eiva na programación cultural ourensá, impedindo así mesmo aos e ás profesionais do sector do espectáculo ao vivo o desenvolvemento normal da súa actividade, xa de por si moi afectada polos sucesivos peches do último ano”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

32m2

ButacaZero leva o confinamento a escena en ’32m²’

32m2 ButacaZero

32m²