A dirección de escena é un oficio de equipo. Certo, mais antes do ruído hai unha etapa no traballo ben importante que está marcada pola soidade. A soidade irresolúbel de saber que é contigo, e dende a víscera, a que tes que marcar o rumbo. Ese momento de duración incerta é sufrido e amado, temido e desexado. Un oxímoro no que convive a intensidade e o alivio.
É o que se denomina “a soidade da dirección”, que volve darse tamén ao final, nos derradeiros ensaios xerais, cando xa estamos a piques de abandonar o proxecto. Se todo foi ben e cada quen no equipo fai a súa tarefa, nós volvemos a mirada a este momento inicial e en soidade, no patio de butacas, medímonos coa idea primixenia. Remata o billete de ida e volta.
Todo pensamento creativo ten no seu inicio unha fase ampla de diverxencia, onde sementamos todo tipo de posibilidades para despois converxer a través de conectar posibilidades estreitando o camiño e ir dando forma á idea. O tempo de divagación é diferente en cada montaxe. Ás veces aparece antes ese “disparador” en forma de vivencia, lectura, imaxe, visión transcendental, etc., que funciona como obertura e nos encamiña a dirixir unha nova montaxe. Noutras ocasións, estamos anos tentando pescar o peixe dourado que diría David Lynch.
Sexa como for, sen chimpar non quedamos porque o noso medio é a acción, o campo onde botamos as patacas os ensaios e, para chegar alí, temos que desbrozar parte da senda a soas. É un momento de perda, de abandono, ata que prende a mecha e volvemos á respiración. Aquí xa podemos pensar en colectivo, no equipo que queremos para transmitir ese latexo.
Nós somos o camiñante de Friedrich no cantil e a néboa as posibilidades. Máis centrémonos no abismo, nese paso adiante que sabemos imos dar perante o acantilado. Toda esta tensión para achar, despois, que toda artista remata falando de dúas ou tres teimas, non máis. Cada unha entra nas súas obsesións pensando que vai falar doutra cousa e, cando rematas o proceso, ves honestamente e con claridade como te enganaches para rematar falando sobre os mesmos temas. Iso si, percorriches novos sinais entre a néboa.
O Tao Te King recolle a seguinte afirmación “a travesía máis longa comeza cun paso”. Alí estamos procrastinando o paso en derivas varias. É un dos momentos máis intensos e queremos alongalo, porque despois o devir do proceso vivo que é o teatro obríganos a perder o control, a renunciar, e a deformar a nosa idea; pois os vimbios do traballo en equipo, que aínda que nos apaixona -moitas máis veces das que nos gustaría recoñecer-, moléstanos ceder, dar a razón e mover a nosa visión da realidade…
Ai, merda de artistas!