in

Leira

Leira
Imaxe de Rubén Marta Ruso

Bailar a terra

Dentro do marco das celebracións polo Día Internacional da Danza, o Auditorio Municipal de Vigo programou varios espectáculos de danza feita na nosa terra: Pink Unicorns (La Macana) e Leira (Nova Galega de Danza). Dúas apostas ben diferentes entre si e que, se cadra, amosan parte do enorme abano polo que se está a mover a danza galega que (non me cansarei de dicilo) é unha das apostas escénicas que máis ten que dicir dentro do noso panorama teatral actual.

Igual que os Pink Unicorns, tiven a sorte de poder ver Leira na pasada Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, onde levou o Premio do Público ao mellor espectáculo, outorgado ex aequo xunto a Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro en Vilo. Premio, por certo, que xa levaran antes, cando mostraron o seu espectáculo Son en 2017.

Case un ano despois, puiden volver gozar de Leira, este espectáculo cheo de po, terra e suor, coreografado por Iker Gómez. Nas súas coreografías, o corpo é o que manda e, en Leira, o corpo convértese en narrador e instrumento. Tanto é instrumento que veremos corpos convertidos en semente, en árbore, en arado ou saco de colleita, nunha transformación tan física coma poética.

Con Leira entramos no terreo da danza épica ou da épica na danza. Leira é, en moitos sentidos, unha epopea, que narra a través do baile unha parte intrínseca da historia de Galicia e, en concreto, a historia da terra, da labranza, do campo.

É a través do movemento como se narra a relación que a terra ten connosco e nós coa nosa terra. A terra que se concreta na leira, ese anaco maior ou menor que herdamos dos nosos antepasados e que aparece fisicamente presentado no escenario, cun espazo cheo de terra vermella onde bailarán os intérpretes. Dende entón e ata agora, o traballo no campo ten cambiado moito, e xa non ten nada que ver co que fixeron os nosos devanceiros para sacarlle froito ao chan, co que hoxe é o traballo da labranza.

Recorrente é a historia na miña familia dos que saíron da aldea para non volver, preferindo o traballo na cidade ao sufrimento de traballar a terra. E é que, para que a terra sexa fecunda, a temos que regar coa nosa suor.


Publicidade

A historia desa suor é a que nos amosa Leira. Cun corpo principal de catro bailaríns (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Iván Villar e Pablo Sánchez), ao que nesta ocasión se une Uxía Rivas, Leira é a historia da xente que traballou a terra e viviu dela. É a historia do sacrificio e da confianza, agardando que todo ese traballo dese froito e non se vise malogrado pola seca, pola sarabia, polo exceso de choiva ou pola xeada, pola peste ou o ataque dos xabarís. A historia dun traballo de esforzo.

Mais a épica non remata no traballo mesmo. Leira é a historia do traballo da terra, pero tamén a historia da terra mesma: aparecen os pobos, as xentes que camiñaron esas terras, as mulleres que marcharon das súas terras natais para fecundar as terras dos seus homes, os enfrontamentos e os padecementos, mais tamén o descanso e a merenda compartida, a festa e a ledicia pola colleita, os intres de comunidade.

Non é un terreo alleo para a Nova Galega de Danza. A súa proposta explora a epopea en espectáculos coma Alento, Tradicción ou o mencionado Son, nas que as coreografías de Jaime Pablo Díaz e/ou Carlos Rodríguez narran diferentes aspectos da identidade galega ou do ser artístico.

En Leira, e como nos outros espectáculos da Nova Galega de Danza, a historia non é o único elemento que reflexa a nosa identidade. Están os sons, compostos (como a música de Sergio Moure de Oteyza ou os temas cantados por Rosa Cedrón) coma naturais: o son do sacho, o pisar na terra, as voces da xente e os sons da natureza coma o vento. Está tamén a luz (firmada por Antón Cabado), que afonda nas cores da terra e reflicte o po que levantan ao bailar, integrándose co espazo, que non pode ser máis ca unha leira, un chan pechado (como enmarcadas están as leiras) e cheo de terra vermella que me lembra ás terras arxilosas da zona de Monforte ou Sarria, ou dos socalcos do Miño, do Louro ou de Narón. Un espazo deseñado polo propio Jaime Pablo Díaz e co que os bailaríns non deixan de interactuar en todo momento.

Unha produción da Nova Galega de Danza que pon de novo o noso baile na primeira plana do espectáculo.

Leira, Nova Galega de Danza

Dirección Artística: Jaime Pablo Díaz
Coreografía: Iker Gómez
Intérpretes: Inés Vieites, Estefanía Gómez, Iván Villar, Pablo Sánchez e Uxía Rivas
Escenografía: Jaime Pablo Díaz
Vestiario: Erica Oubiña
Iluminación: Antón Cabado
Música: Sergio Moure de Oteyza
Voz e música en directo: Rosa Cedrón
Voces: Aida Tarrío
Percusión: Miguel Anxo López
Son: Alberto Beade
Fotografía: Rubén Marta Ruso

Premio do Público na MIT de Ribadavia 2020

 

Auditorio Municipal de Vigo. 1 de maio de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Emerxencia Cultural Ourense

Nace Emerxencia Cultural Ourense, movemento contra as políticas culturais de Pérez Jácome

Ofendiditos

Entre grupis e ofendiditos