Homenaxe ás mulleres que loitan, que loitaron e loitarán por unha sociedade igualitaria
Pioneras preséntase en tres partes ben diferenciadas nas que a maquinaria escénica serve, de maneira efectiva, como elemento de unión.
Invocación, tempestade e calma definen, na miña opinión, este acertado traballo do coreógrafo novo Xián Martínez, que encontrou, xunto a Fernando Martínez de Careaga, Paula Barcia, Manuel Escuris e Álvaro Estrada, unha equipa creativa que regala pinceladas gloriosas dos seus diferentes talentos ao longo da peza.
A entrega desas cinco mulleres en escena, Mª Jose Casado, Paula Urquijo, Ana F. Melero, Kateryna Humenyuk e Sayoa Belarra, devora, coa súa apaixonada fe no traballo, calquera fisura na escrita da obra.
A peza tende pontes entre diferentes estilos, épocas e as súas maneiras de crear material físico e enerxía en escena.
O inicio recolle a tendencia, cada vez máis habitual, de comezar a obra co despregue de toda a artillería. O grupo completo desafía á espectadora e ao espectador, demostrando todo o seu potencial a ritmo de discoteca. Tacóns, brazos, gasas, evocacións manga, pernas á segunda, mestúranse e confúndense entre os rosas da iluminación e as tiras led. Todo isto realizado con gran habilidade coreográfica, aproveitando todos os límites do espazo escénico.
A primeira parte comeza a desvanecerse levándonos cara a outro universo máis intimo, onde o foco das intérpretes se centra na acción. A respiración ralentízase, cambia a frecuencia e a súa concentración no que sucede, conectando co corpo de maneira máis concreta e contundente. Dentro deste novo lugar sucédense as escenas máis inspiradoras da obra, as que se definen e subliñan unha mirada implicada co humano e coas súas consecuencias. Isto acerca a proposta cara a formas máis achegadas á danza-teatro e á busca de accións e imaxes que dean contido narrativo, sublimadas a través de simboloxía.
O renacer ou a calma chegan a través dos últimos movementos da maquinaria teatral, incluíndo un matiz de cambio do espazo escénico. Os torsos aparecen nus e é neste lugar de natural comuñón coa nosa natureza onde se crea o edén. Entón, todo o que antes era barro e impureza límpase e deixa paso a unha corrente fresca que evoca beleza.