in

Pioneras/Aitzindariak

Pioneiras
'Pioneiras'. Imaxe de Blanca Razquín

Homenaxe ás mulleres que loitan, que loitaron e loitarán por unha sociedade igualitaria

Pioneras preséntase en tres partes ben diferenciadas nas que a maquinaria escénica serve, de maneira efectiva, como elemento de unión.

Invocación, tempestade e calma definen, na miña opinión, este acertado traballo do coreógrafo novo Xián Martínez, que encontrou, xunto a Fernando Martínez de Careaga, Paula Barcia, Manuel Escuris e Álvaro Estrada, unha equipa creativa que regala pinceladas gloriosas dos seus diferentes talentos ao longo da peza.

A entrega desas cinco mulleres en escena, Mª Jose Casado, Paula Urquijo, Ana F. Melero, Kateryna Humenyuk e Sayoa Belarra, devora, coa súa apaixonada fe no traballo, calquera fisura na escrita da obra.

A peza tende pontes entre diferentes estilos, épocas e as súas maneiras de crear material físico e enerxía en escena.


Publicidade

O inicio recolle a tendencia, cada vez máis habitual, de comezar a obra co despregue de toda a artillería. O grupo completo desafía á espectadora e ao espectador, demostrando todo o seu potencial a ritmo de discoteca. Tacóns, brazos, gasas, evocacións manga, pernas á segunda, mestúranse e confúndense entre os rosas da iluminación e as tiras led. Todo isto realizado con gran habilidade coreográfica, aproveitando todos os límites do espazo escénico.

A primeira parte comeza a desvanecerse levándonos cara a outro universo máis intimo, onde o foco das intérpretes se centra na acción. A respiración ralentízase, cambia a frecuencia e a súa concentración no que sucede, conectando co corpo de maneira máis concreta e contundente. Dentro deste novo lugar sucédense as escenas máis inspiradoras da obra, as que se definen e subliñan unha mirada implicada co humano e coas súas consecuencias. Isto acerca a proposta cara a formas máis achegadas á danza-teatro e á busca de accións e imaxes que dean contido narrativo, sublimadas a través de simboloxía.

O renacer ou a calma chegan a través dos últimos movementos da maquinaria teatral, incluíndo un matiz de cambio do espazo escénico. Os torsos aparecen nus e é neste lugar de natural comuñón coa nosa natureza onde se crea o edén. Entón, todo o que antes era barro e impureza límpase e deixa paso a unha corrente fresca que evoca beleza.

Pioneras/Aitzindariak, Xián Martínez 

Dirección Artística: Xián Martínez
Coreografía: Xián Martínez e intérpretes
Intérpretes: Sayoa Belarra, Kateryna Humenyuk, Paula Urquijo/Mariona Jaume, Mª José Casado, Ana F. Melero
Repetición: Sayoa Belarra
Asistente coreográfica: Kateryna Humenyuk
Vestiario: Paula Barcia e Manuel Escurís
Deseño de Iluminación: Álvaro Estrada
Técnico de Iluminación: Fermín Izko
Música e Asesoría creativa: Fernando Martínez de Careaga
Voz en off: Madonna
Fotografía: Blanca Razquín

Peza creada dentro do marco de residencias do festival DNA’20. Seleccionada no circuito da rede de teatros de Navarra e no Festival DNA’21. Producida polo Goberno de Navarra, Kultura Navarra e Fundación Baluarte.

Estrea absoluta no Noáin Kultur Zentroa de Navarra. 30 de abril de 2021.

Igor Calonge

Igor Calonge

Igor Calonge, formado como bailarín en diversas disciplinas, inicia a súa carreira profeisonal en diferentes compañías nacionais coma Provisional Danza, Cía. Daniel Abreu, Cía. Fernando Hurtado, Hojarasca Danza ou Ciento cincuenta cuerdas. En 2001, comeza a crear as súas pezas coreográficas de pequeno formato, experimentado en asociación con varios colectivos de artistas que desenvolvían o seu traballo no desaparecido Centro de Arte Artekelu de Donostia. Na actualidade, é un dos membros da Compañía Cielo Raso de Euskadi.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Terceiro acto CDG

O CDG retoma as funcións de ‘Terceiro acto’

Cruzamentos

Camiño Escena Norte abre o prazo para presentarse ao programa ‘Cruzamentos’