A esperanza cáustica
– Aconteceu un erro.
– Ténteo novamente.
– Aconteceu un erro.
– Ténteo novamente.
– Aconteceu un erro.
– Por favor, ténteo novamente máis tarde.
Pero, cal foi o erro? Insistir, porfiar na necesidade que se cadra xa non é posible que poida ser satisfeita? Ou fiarse dun sistema que non é quen de escoitar as nosas necesidades insatisfeitas?
Así comeza a nova peza de AveLina Pérez, Por favor, ténteo novamente máis tarde, cunha memoria sobre a escoita, se cadra mesmo unha reflexión, preguntándose (e preguntándonos) se hai alguén que me(te) escoite. Se hai alguén que escoite. Se hai alguén.
O que nós nos preguntamos, é se esa cuestión ten sequera resposta.
Non é por nada que durante o espectáculo se fagan sucesivas reflexións sobre palabras como “éxito”, “miseria”, “desolación”, “vergonza” ou a mesma “escoita” da que acabamos de falar. AveLina adoita xogar coas palabras ata arrincarlles novos significados, mastígaas e remóeas e dálles a volta e logo cúspeas para fóra, deixando que x espectador/x sexa quen as recolla –se é quen– e lles outorgue o lugar que se está a cuestionar dende a escena.
É este un xogo sobre a incomodidade. A través de certos fastíos, como os xestos que quedan a medio camiño, as repeticións constantes, os anuncios e zappings mesturados ou –de xeito moi especial– os sonoros: o renxer dunha máquina enferruxada, o estralar globos, os golpes, os berros. O que se nos mostra é todo o que de incómodo hai nun mundo no que ficamos sentadxs sen decatarnos, sen escoitar(nos), mentres nos entretemos na procura do pracer.
As pezas de AveLina Pérez son incómodas. A actriz, directora e dramaturga non busca a comodidade nx espectador/x, senón algo que x remova, e ese algo é sempre significante para a mesma actriz. Seguindo un proceso que vai do interior e cara ao exterior, nunha especie de exorcismo do incómodo, o que molesta dentro pasa a ser mostrado, converténdose así en peza artística. Je suis artiste.
Porén, este exorcismo non significa que necesariamente o incómodo deixe de remoer: a molestia compartida non deixa de ser molestia. O importante é que sexa visíbel, consciente, aberta, que a poidamos ver. Como a mesma AveLina salienta, hai dúas clases de centauros: os bos, e os non tan bos. E acontece que, ás veces, preferimos montar nun deses que non é tan bo, sabendo como é. E pode ser que mesmo queiramos montalo a pelo.
E é que as pezas de AveLina están, tamén, traspasadas por unha ironía cáustica que fai que a seriedade dos seus textos teña un punto de clown: o tráxico da vida é tomala en serio.
De feito, o humor da peza é tan corrosivo e acedo, que non podemos deixar de admirar á artista como toda unha mestra no seu xeito de amosar a miseria humana como unha irónica, xigantesca broma cósmica.
Con todo, non está AveLina soa neste camiño. Con ela está Daniel Casquero, actor que ten colaborado con ela como actor, iluminador e/ou creador de espazo sonoro noutras pezas, como Deixa de tocala, Sam, Os cans non comprenden a Kandinski, Pasolini morreu berrando ou A que non podes dicir Cocacola? e que acompaña o universo da creadora cunha presenza tan complementaria como contrastante.
Xuntos, forman unha parella que xoga tanto a tensión da atracción como a da repulsión. Son, na escena, dous universos que non chegan a tocarse, pero que sempre presentan unha liña de conexión. Malia que presenten dous espazos separados, poden estar a contar o mesmo. Ou poden contar cousas diferentes, estando sentados nun mesmo sofá, que aínda así, os presenta como separados por mil quilómetros.
A presenza de Casquero é rotunda: apoiado na resonancia da súa voz e da súa xestualidade, encarna o pensamento da dramaturga dende a mirada do home, somerxido na mesma desolación ca ela. Envolto nunha marea de imaxes insubstanciais que se reflicten na pantalla do seu ordenador, o actor podería encarnar a peza por si mesmo (o mesmo que AveLina), mais o feito de ser presentada esta a través da dualidade fai que a obra acade unha nova dimensión de significado. Non me atrevería eu a falar de binarismo, mais si da importancia de poder ver a mesma miseria reflectida na cara dun home e na dunha muller: é algo que nos fala da universalidade da mensaxe, algo que se fai evidente cando o público é directamente interpelado e chamado á reflexión, a saír do pensamento pechado e circular, que só conduce á neurose.
Por favor, ténteo novamente máis tarde é unha peza na que o universo de AveLina Pérez avanza na súa reflexión tan íntima como social. Isto é posible grazas, en parte, á produción conxunta entre o Centro Dramático Galego e o Teatro Ensalle de Vigo, que xa veñen traballando xuntos en proxectos como Outras miradas, nunha liña de traballo na que o CDG abre as súas portas á colaboración con outras salas, como a Ártika ou a mesma Ensalle.
Proxectos que, á fin, abren a porta á esperanza.
Será entón, que debemos tentalo novamente máis tarde?