in

Voadora presenta ‘Viaxe á Lúa’ en Compostela

Viaxe á Lúa
Imaxe de Sílvia Poch

O Auditorio de Galicia acolle este sábado 12 de xuño a estrea galega da peza, unha festa dos sentidos na que Marta Pazos adapta o único guión cinematográfico de Federico García Lorca. 

Voadora regresa a casa. A compañía de teatro de vangarda que dirixe Marta Pazos volve aos escenarios da súa cidade, Santiago de Compostela, para presentar unha das súas últimas producións: Viaxe á Lúa, unha peza teatral baseada no único guión cinematográfico escrito por Federico García Lorca e que conta con tres candidaturas aos XXIV Premios Max das Artes Escénicas 2020-2021 pola composición musical (Hugo Torres), a escenografía e a iluminación (CUBE.bz).

A montaxe de Voadora é a primeira adaptación escénica que se fai do manuscrito de Lorca, logo do seu descubrimento no ano 1989 en Oklahoma. En 1929, após a estrea de Un chien andalou de Luis Buñuel e Salvador Dalí, Lorca escribe durante a súa estancia en Nova York, como réplica, un guión con 72 secuencias. É un guión que escribe a man e que lle entrega ao pintor e director surrealista Emilio Amero, quen finalmente non chega a rodar nada. Mais é a súa viúva quen, 60 anos despois, atopa o texto nunha mesiña de noite.

Marta Pazos, directora artística e de escena de Voadora, é a responsable da adaptación da peza, que se presenta como unha topografía vangardista do imaxinario lorquiano a través dos símbolos do seu universo máis recoñecibles (a lúa, o sangue, as mans fragmentadas) e que o poeta acompaña dos estímulos e influencias vangardistas que recibe ao chegar a Nova York nun momento previo ao crac do 29, e no que o autor trata de atopar novas fórmulas para que agromen as súas palabras, ideas e arte. Viaxe á Lúa é, pois, unha montaxe sen palabras e ateigada de erotismo na que Pazos exprime a poética de Lorca de xeito exponencial. Deste xeito, a directora propón unha lectura contemporánea das 72 secuencias deste guión de cine desde un punto de vista plástico. Así, intencionadamente, a materialización escénica non conta con elementos audiovisuais, co obxectivo de poñer en valor as ferramentaas propias do teatro para conectar co cinematográfico.


Publicidade

O espectáculo presentouse o pasado 3 de febreiro no Teatre Lliure de Barcelona, con todas as entradas esgotadas para todas as funcións antes da súa estrea. A función no Auditorio de Galicia, cuxas entradas esgotáronse o pasado luns 7 de xuño, supón o regreso á cidade da compañía, logo da presentación da ópera de gran formato A amnesia de Clío.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MITCFC

A MITCF de Cangas, Premio de Honra ‘Marisa Soto’ da AAAG

Por favor ténteo novamente máis tarde

Por favor, ténteo novamente máis tarde