in ,

A MITCF de Cangas, Premio de Honra ‘Marisa Soto’ da AAAG

MITCFC
Imaxe de Prolight Studio

A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas únese a unha longa lista de homenaxeadas e homenaxeados que inclúe, entre outros nomes, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, a Sala Nasa, a erregueté | Revista Galega de Teatro ou Flor Maceiras, quen levou esta distinción o ano pasado.

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas o Premio de honra ‘Marisa Soto’, galardón co que a profesión teatral recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do noso sector escénico. Deste xeito, a Mostra de Cangas únese a unha longa lista de homenaxeados que inclúe, entre outros nomes, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, a Sala Nasa, a erregueté | Revista Galega de Teatro ou Flor Maceiras, quen levou esta distinción o curso pasado. O Premio Marisa Soto entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

A Xunta Directiva decide así premiar a longa traxectoria da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, cita que vén desenvolvéndose no Morrazo dende 1984, ano no que a Asociación Xiria fundou este festival que transcende as nosas fronteiras e que neste 2021 celebra a súa 38ª edición entre o 1 e o 10 de xullo. Co Marisa Soto quérese recoñecer o enorme labor que significa dende a súa creación a Mostra tanto para a creación de públicos coma para fornecer carreiras profesionais. Cangas representa para o conxunto da nosa profesión escénica un punto de encontro, un lugar de agarimoso abeiro e un enorme referente cultural que serviu, serve e servirá para construír un sector que lle debe tanto a Mostra de Cangas e a todas as persoas que, dende a súa creación, se afanaron ano a ano na súa organización. Entre esas persoas, cómpre lembrar a Xosé Manuel Pazos, un dos seus impulsores, que nos deixou no xaneiro pasado.

Publicidade

Ademais, a Xunta Directiva da AAAG tamén recoñece con este galardón o importante labor, pioneiro e referencial, que significan as xornadas Mulleres en Acción, que se organizan no marco da Mostra de Cangas. Unha Mostra da que, ademais, debemos destacar que abriu camiño ao ser o primeiro festival do estado en aplicar criterios de paridade e igualdade na súa organización e na súa programación. Neste 2021, ano do 25ª edición dos premios María Casares, a Xunta Directiva da AAAG quere recoñecer en definitiva o valor que atesoura a Mostra de Cangas para o colectivo, tanto para o noso sector coma para o conxunto da sociedade.

mitcfc |

A Mostra de Cangas

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) naceu en 1984 da man da Asociación Cultural Xiria, creada a súa vez un ano antes polo impulso dun grupo de persoas, na súa maioría docentes. Maruxa Barrio, Henrique Harguindey, Casilda Alfaro, Xosé Manuel Pazos, Afonso Marcos ou, ao pouco tempo, Che Mariño contábanse nese grupo inicial que compartía un compromiso co Morrazo dende un punto de vista comunitario e cultural. Con esas motivacións, a novísima Asociación contactou coa Xunta de Galicia na procura de apoio institucional para poñer en marcha, entre outras actividades, unha mostra de teatro. Por aquela altura, Luís Álvarez Pousa era o director xeral de Cultura e dende o seu departamento, implicado na creación de estruturas para o sector escénico, lanzouse a proposta de que a futura Mostra de Cangas adquirise un xénero e unha personalidade singular. Así, Xiria decantouse polo humor e o carácter festivo que se respira no entroido de Cangas. Con estas orixes, nacía no verán de 1984 a primeira edición dunha mostra que neste 2021 chega xa a súa 38ª edición.

Dende aqueles inicios até hoxe, multitude de compañías galegas, estatais e internacionais deixaron a súa pegada na memoria do público. Destacan polo seu recordo, entre outras moitas obras, pezas como A historia do gato Mallado e a sinhia Rosinha, dos lusos de T.A.I en 1984; Etc. Etc, de Karra Elejalde, en 1989; Ñaque, sobre piojos y actores, de Teatro Meridional en 1994, ou Upper Cuts, da británica Nola Rae en 1997, Nuestra Señora de las Nubes da compañía ecuatoriana, Malayerba Teatro ou Annus Horríbilis de Chévere Teatro. A MITCFC retrolimentouse sempre coas compañías galegas históricas e de longo percorrido como son Teatro do Malbarate, Ollomol Tranvía, Tanxarina, Chévere, Teatro do Aquí, Monicreques de Kukas, Sarabela, Antroido, Áncora, Morcego, Contraproducións, Atlántico, Noroeste, Ibuprofeno, Ningures, Voadora, Factoría, Pífano, Excéntricas Matarile ou o Centro Dramático Galego, que pasaron nestes anos pola Mostra de Cangas.

O 2002 foi un punto de inflexión tanto para a Mostra coma para Cangas ao celebrarse por primeira vez no Auditorio Municipal, un espazo conseguido despois das moitas accións que Xiria liderou e organizou dende 1995 coa veciñanza, unha serie de actos reivindicativos, manifestacións, maratóns de teatro e outras iniciativas para reclamar a construción dun Auditorio Municipal. Grazas á forza da veciñanza, a 19 edición da Mostra puido celebrarse xa no Auditorio, para o cal actualmente hai unha campaña en marcha para que se rebautice co nome do falecido Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e director da mostra durante as dez primeiras edicións.

Outro ano para marcar na historia da Mostra é 1997. Naquela edición, a organización da Mostra decidiu programar deliberadamente espectáculos feitos por mulleres. A raíz desa iniciativa, no ano 2000 xorden as primeiras xornadas Mulleres en Acción para reflexionar sobre a igualdade no sector escénico e comeza a aposta por aplicar á programación criterios de paridade, unha aposta hoxe consolidada e pioneira no teatro estatal. Dende 2012, entrégase ademais o Premio Mulleres en Acción para recoñecer a traxectoria profesional, social e cultural de mulleres, colectivos ou entidades que realizan un labor artístico que supón unha contribución relevante para a implantación da igualdade de xénero. Recibiron este galardón xa Aurora Marco, Mabel Lozano, Antía Cal, María Xosé Queizán, Sés, Mercedes Oliveira Malvar, Asunción Bernárdez Rodal, CIMA ou o Observatorio da Mariña pola Igualdade. Grazas a Mulleres en Acción, pasaron ademais pola Mostra referentes como Marcela Lagarde, Itziar Pascual, Dorotea Bárcena, Carmen Castro, Jill Greenhalgh, ou a Libraría Lila de Lilith.

Actualmente, a dirección artística da Mostra recae en María Armesto, quen asumiu esta responsabilidade en 2014, tomando así o relevo de Che Mariño, presidenta de Xiria quen a dirixiu durante case vinte anos, sen esquecer que un ano a dirixiu Casilda Alfaro e dous foron coordinadas por Antón Lamapereira, primeiro director da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pre-textos

TRC Danza presenta o libro Pre-textos 2014-2018 na Coruña

Viaxe á Lúa

Voadora presenta ‘Viaxe á Lúa’ en Compostela