in

Raquel Castro: “Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino”

Raquel Castro rect scaled |

A resolución do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais 2021 fíxose pública o venres pasado, 25 de xuño, nun acto celebrado no IES Ribeira do Louro, no Porriño, e a obra gañadora resultou ser Casa de feras, de Edgar Costas Sanmartín.

Foi esta xa a cuarta edición dun certame organizado polo IES Ribeira do Louro que conta co apoio do Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, e que naceu “coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario”. Falamos coa dramaturga e docente Raquel Castro, coordinadora do premio, para facer un balance destes catro anos.

Esta foi xa a cuarta edición do premio…    

Publicidade

Si, foi unha aventura que comezou no ano 2018 e que se consolida a cada ano que pasa. Fernando Castro, ti, José Luis Baños de Cos e Edgar Costas compoñedes, ata o de agora, a nómina dos premiados e premiada, persoas, todas vós, vinculadas ao mundo do teatro e cunha sensibilidade especial cara ás inquedanzas da xente nova.

O certame xurdiu para cubrir un baleiro en canto a textos que fosen dirixidos a ser postos en escena por rapaces e rapazas?

Si. Podemos pensar que a partir dos doce anos as rapazas e rapaces poden ler e interpretar calquera texto teatral destinado a público adulto. É certo, mais tamén precisan de ver representadas enriba das táboas as súas inquedanzas máis cotiás e ser eles mesmos e elas mesmas os que as poidan levar a escena, sentíndose identificados e identificadas.

Que presenza teñen os textos teatrais no ensino secundario?

É habitual propoñer literatura xuvenil en narrativa e poesía como lectura nas aulas, mais o teatro é cousa distinta, sempre para o final e, se cadra, algunha representación, mais nunca na listaxe de lecturas recomendadas. Porén é moi necesario traballar o teatro na adolescencia xa que é un momento clave do desenvolvemento e pode ser dunha gran axuda para lograr a autonomía persoal e a integración social.

Que beneficios detectas que achega o teatro á mocidade?

Traballar o teatro nas aulas permite expresar e comunicar ideas, sentimentos e vivencias. A súa presenza na educación é fundamental xa que contribúe ao desenvolvemento humano ao integrar o uso do corpo e a voz nun espazo e un tempo determinado. Asemade nútrese de linguaxes diversas, como a literatura, a música, a plástica e as linguaxes audiovisuais, o que permite un enfoque interdisciplinario.

A formación escénica activa procesos como a percepción, a atención, a concentración e a memoria. Promove o autocoñecemento e a madurez emocional, aspectos fundamentais para afianzar a propia identidade. A interpretación aumenta a sensibilidade estética e a consciencia corporal, ademais, o traballo grupal promove o respecto ao outro, o compromiso co grupo e a asunción de responsabilidades individuais e colectivas.

E para traballar o teatro nas aulas precisamos ter textos que nos axuden e cos que poidamos compartir, por iso é tan importante este premio porque nos dá ferramentas para traballar nas aulas.

Publicidade

Que balance fas destas catro edicións do certame?

Logo de catro anos non podo facer máis que un balance positivo deste certame que fornece a biblioteca teatral galega ofertándonos textos de calidade e diversidade temática, dende o absurdo da guerra á violencia de xénero e as liberdades individuais. Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino.

 

VOZ NENO UN: Que pensades ser cando sexades maiores?

VOZ NENO DOUS: Calquera cousa. Xefe, por exemplo. Son os que máis gañan e os que menos traballan.

VOZ NENO TRES: Eu serei explorador. Ou inventor. Ou descubridor de algo.

VOZ NENO UN: Eu o único que quero cando sexa maior é que non haxa nunca escola.

VOZ NENO TRES: E ti, Esther?

VOZ DE NENA: Eu?

VOZ NENO TRES: Si, ti.

VOZ DE NENA: : Libre, coma os paxaros.

Roberto Vidal Bolaño, Rastros

Publicidade
Publicidade
Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Proxeccion MIT |

A MIT de Ribadavia presenta DraMITurga

EYPzHfHXsAEne1f |

Estamos eiquí e somos queer