in ,

Esther F. Carrodeguas: “O conflito principal era que pasa cando non se contempla a idea de muller nin de home”

Esther F. Carrodeguas
Esther F. Carrodeguas como Gabi en Femíssimas. Fotografía de Serxo González

É un conflito todo aquilo que se afasta do binario, é dicir, do dualismo de xénero que establece ó feminino e ó masculino como as únicas casas posibles. Éo, un conflito, un territorio de tensión, porque supón o rexeitamento do réxime do NormalTM. Así, cada 14 de xullo dende o ano 2012, ante o non recoñecemento legal de identidades disidentes na maioría dos países do mundo (entre outras moitas discriminacións e violencias), dáse o Día Internacional das Persoas Non-Binarias.

Nunha data máis preto, o 13 de novembro de 2020, estreouse Feminíssimas pola produtora de espectáculos teatrais De Ste Xeito, a primeira peza galega en incluír a unhe personaxe non binarie e en tratar de cheo, ou intentalo, a súa realidade detractora do cisheteronormativo. Falamos coa dramaturga da obra, Esther F. Carrodeguas a propósito da creación e inclusión na mesma dunhe personaxe non binarie.

Como é que incluístes a unhe personaxe non binarie (NB) na peza Feminíssimas (cía. De Ste Xeito)? Podes falar un pouco delu?

Cando empezamos a falar sobre Feminíssimas a premisa de produción era traballar con tres actrices en escena, Stephy Llaryora, Noelia Blanco e eu. Propúxenlles facer un triángulo con tres extremos do feminismo, e no comezo sabía que o radical e o liberal tiñan que estar. Pensei en incluír ó ecofeminismo, pero nas primeiras improvisacións dinme de conta de que tiña moitos puntos en común co radical a pesar de non ser o mesmo para nada. Neses momentos sentía que había xente coas cousas moi claras ó redor de cal é a postura feminista sobre algo, mais eu non o tiña tan claro, así que me metín de cheo no estudo do feminismo para facer diso un espectáculo para todos os públicos, non necesariamente didáctico (aínda que o é), no que o público puidera entender as dúbidas que nós mesmas tiñamos. Ó documentarme decateime de que un dos conflitos principais da peza sería o posfeminismo, o feminismo que vai máis aló do concepto político de muller, que é no que se basean tanto o radical coma o liberal.

Digamos que o conflito principal, o máis actual, era que pasa cando non se contempla a idea de muller nin de home, o de que pasa cando a defensa do concepto político da muller no que se baseou toda a historia do feminismo pasa a ser algo que xa non ten tanto sentido. Era algo co que eu máis me identificaba; dende que me puxen a investigar sempre digo que non tiven certas posibilidades, cando eu era adolescente non existía o “e”, polo que non me puiden identificar con iso. Eu sempre fun unha persoa moi masculina, pouco identificada co concepto de muller e coa miña sexualización e sexualidade, e se eu tivera pasado a miña adolescencia no século XXI a miña vida, seguramente, sería outra. Se ti non sabes que existen os gais, se ti non sabes que existen as lesbianas aínda que a ti te gusten as mulleres ti dis “Que me está pasando? Son algo que non existe”.

En resumo, a través da teoría cheguei a un lugar que, na práctica, está moi operativo en certos sectores da sociedade. Pareceume que, sen dúbida, no que ten que ver coa realidade actual, a non binariedade é a modificación máis grande do noso pensar social, do noso sentir humano, do noso sentir identitario, que é algo tan importante. Nas primeiras escenas da peza, que ten unha estrutura dramatúrxica moi complexa, tiven que evitar ó personaxe de Gabi porque quixen facer un percorrido pola historia do feminismo, e primeiro tiven que introducir á teoría radical [coa personaxe de Ruka (Stephy Llaryora)] e á liberal [con Bea (Noelia Blanco)] para logo soltar a bomba, unha imprescindible.

De que xeito cres que é un espectáculo didáctico? Como foi a recepción do público con respecto a unha personaxe NB?


Publicidade

Isto é difícil de responder porque coa pandemia apenas falamos co público, o cal ven bastante mal, xa que o espectáculo concibiuse para facer unha palestra, un foro. De todos xeitos, nós fixemos unha xira por vilas pequenas nas que cremos que unha gran parte non coñecía a linguaxe inclusiva, notábase nos risos ante as palabras rematadas en “e”, agarimosos, e é que non todo o mundo coñece certas realidades, pero ó final, penso, entenden por que cada personaxe é como é. Diría que, en xeral, a recepción do espectáculo é moi boa, tivemos moitísimas funcións co público en pé, o cal non é convencional en Galicia, pero non creo que isto teña que ver especificamente coa peza, senón cun alivio ante a comprensión de que todos temos dúbidas con certos temas, de que non é tan sinxelo. A min gústame moito de Femisníssimas que nun momento estás rindo e de súpeto estás chorando, e nunca pensei nisto dende a banalidade, senón dende a realidade. Toda a xente, todas as persoas, todas as mulleres e todas as nenas que foron violadas, se cadra ós dez minutos estaban ríndose nas súas casas porque teñen que agochar todo iso, e teñen que poñer barreiras; non é que estea na peza, é que todo está na vida. E a xente aprecia iso, que é un paseo consciente pola historia do feminismo.

Como foi o proceso de creación de personaxe?

Non falei apenas con ninguén, non habitúo facelo, a miña documentación, normalmente, adoita ser teórica. Non me gusta demasiado informarme a través de persoas reais porque así existiría a posibilidade de afectar ó resultado do espectáculo. Agora estou facendo un proxecto sobre diversidade funcional e sexualidade, un proxecto co Centro Dramático Nacional, e non me atrevín a facer unha documentación cunha asistenta sexual, por exemplo, por se esta persoa procuraba que incluíse na peza a súa opinión, xa que sería complicado despois poñer en escena algo en contra. Esta separación teórica axúdame a ver mellor unha opinión e á súa contraria, e Feminíssimas bebe moito diso.

V6A5566 980x653 1 |
Noelia Blanco, Esther F. Carrodeguas e Stephy Llaryora en Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións. Imaxe de Serxo González

Crear este personaxe foi moi complicado; os outros eran moi sinxelos porque había un clixé do que partir. Para todo o non binario hai poucos referentes e, ademais, é un espectro que está a desenvolverse e que é moi amplo. Tamén foi difícil porque tiña que intentar non ser eu, que non son moi feminina nin masculina. Como é unhe personaxe que moita parte do público vai descubrir, explicamos o concepto no propio espectáculo, o cal foi unha responsabilidade complicada.; ó non existir un cliché de referencia, tivemos que inventalo nós, e así apareceron moitas dúbidas sobre como poñer en escena algo que puidese ser coherente co discurso e que non fose agresivo para persoas non binarias pero que, ó mesmo tempo, fose accesible para un público sen ideas tan novas.

Como ves o panorama teatral en relación ó LGBTIQ+ en Galicia?

Pode ser que eu sexa un pouco utópica no sentido de que, para min, todas as realidades identitarias están normalizadas, nunca me importou o que unha persoa é, quere, sente… Penso que, en xeral, tanto no teatro galego coma no resto mundo, hai bastantes propostas de carácter LGBTIQ+, hai unha presenza forte do colectivo. A Panadaría é un referente: amósanse en escena e na vida real dende o seu ser lesbiano; agora temos a Davide González que acaba de facer unha peza súper reivindicativa sobre a realidade gai (Microspectivas dun marica millennial da cía. Incendiaria); e moitas outras. Persoalmente, intento que os meus espectáculos estean abertos. De todos xeitos, é certo que as realidades do trans, o intersexual, o non binarismo, etc., teñen menos presenza galega, pero canta máis presenza no social teñan estas realidades “disidentes”, máis presenza terán no teatro, que é un espazo público.

Bañera

Bañera

Iria Aboal (Pontevedra, 2000 - pronome «ela») Estudante de dramaturxia e dirección escénica na ESAD de Galicia e colaboradora con asociacións LGBTQ+ como Avante LGBT+ e Nós Mesmas. Membro do Comité de Mediación y Diversidad na Asociación de Roller Derby Española (ARDE).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Dramaturxia de verán

Fantasía para unha dramaturxia de verán

O tsunami

A MIT de Ribadavia presenta ‘O tsunami’ de Marcos Abalde