in ,

Entre festivais: Cangas, Almada e Ribadavia

Festivais
The pit door at the Drury Lane Theatre, Carington Bowles (1784)

O verán chegou e con el os festivais de artes escénicas. Neste mes, ademais do traballo escolar que, para algúns docentes, non remata, como quen di, até agosto, súmanse os festivais, facendo do período estival un dos máis intensos. Isto para quen, coma min, traballa sobre a enxeñaría das artes escénicas, a dramaturxia, como docente e investigador, e para quen, ademais, gusta e necesita dos desafíos que nos colocan os espectáculos.

Xullo comeza e remata en Galiza polas dúas citas máis veteranas a este respecto: a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo (MITCF de Cangas), que vai pola súa 38 edición, e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT Ribadavia), que vai pola número 37.

A que máis orzamento ten é a MIT Ribadavia, tamén é a que manifesta unha maior ambición artística na súa programación, con propostas que se desmarcan dos parámetros de recepción do que se adoita ver nos auditorios e teatros galegos o resto do ano. Roberto Pascual, o seu director, pescuda en cales son as últimas tendencias da moda (aquelas compañías e espectáculos con máis entidades internacionais na coprodución e tamén as que as direccións doutros grandes festivais consagran, tipo o Grec de Barcelona, Avignon, O Festival de Otoño de Madrid, etc.).

Igual ca na roupa e no vestir, en case todo o que atinxe ás formas, e as artes escénicas tamén o son, as modas acaban por sinalar uns nomes e eses nomes adquiren entón o selo de prestixio. Non é exactamente así, nas escénicas, pero algo disto hai.

Na MITCF de Cangas, María Armesto, a súa directora, vai intentando que entren propostas especiais, desas que non temos oportunidade de ver nas programacións regulares durante o resto do ano. Non obstante, como a MITCF é máis asemblearia e popular na organización, desde o meu punto de vista, segue a presentar moitos espectáculos cunha dramaturxia asentada nas convencións máis tradicionais do teatro. Isto fai que o público maioritario en Cangas sexa o local. Pouca xente de fóra se despraza, porque moitos deses espectáculos xa os imos poder ver o resto do ano nalgúns dos espazos municipais das cidades galegas.

Porén, a MIT Ribadavia ten unha alta porcentaxe de público de fóra da vila do Ribeiro e, tamén, relacionado co sector das artes escénicas. Por alí encóntraste moita xente da profesión e moito alumnado e profesorado da ESAD de Galicia.

En ambos casos, tanto na Mostra de Cangas como na de Ribadavia, a danza continúa a ser a menos atendida das artes escénicas. Niso os festivais seguen a tónica da programación regular do resto dos espazos de exhibición de Galiza. Cangas este ano non tivo ningún espectáculo de danza e Ribadavia, duns 18 espectáculos, só me pareceu ver 2 ou 3 de danza no programa.


Publicidade

Por outra banda, no país veciño, temos o 38 Festival de Almada, que dura todo o mes de xullo e que organiza a Companhia de Teatro de Almada, que este ano celebra o seu 50 aniversario. Alí conviven grandes compañías e artistas internacionais, con grandes compañías e artistas de Portugal, así como proxectos máis noveis ou alternativos.

As circunstancias derivadas da pandemia seguen a complicar moito a realización destes eventos. Porén, público, artistas e equipas organizadoras non se acovardan e os espectáculos e outras actividades complementarias realízanse nas mellores condicións posibles e coas gradas, as plateas e as prazas completas, até onde as directivas sanitarias o permiten.

Tanto en Almada, como en Ribadavia e Cangas, pódense ver propostas que alén do pracer estético e das emocións que suscitan, espertan a nosa conciencia dun xeito imposible de acadar doutra maneira. Espectáculos que entran pola emoción, que asombran ou fascinan a nosa ollada e que dan moito que pensar.

En referencia a isto, sempre se me ocorre o mesmo exemplo: un partido de fútbol é un gran espectáculo, que suscita emocións e que tamén pode ter beleza estética nalgunhas xogadas. Porén, quen entrou ver o partido, se é un machista e un cabrón, sae igual de machista e cabrón que entrou. Coas artes escénicas non acontece o mesmo. Os mellores espectáculos poden ser tan emocionantes e provocadores coma o fútbol. Pero, por exemplo, a disolución dos xéneros binarios home/muller, nunha peza de danza, fai que algo se mova nas nosa percepción do mundo e na nosa conciencia.

Sen necesidade dunha instrumentalización pedagóxica, moral ou ética, sen poñer ao servizo de, as artes acaban, non obstante, cando funcionan, por movernos dos nosos lugares. Aínda que sexa en aspectos moi sutís e case imperceptibles.

Para iso tamén é necesaria unha investigación e un desafío respecto ás linguaxes e ás convencións máis tradicionais no facer escénico. Os festivais, segundo o meu parecer, deberían ser a punta de lanza para esas propostas. Porque non basta con entreter e gustar. Para iso xa temos moitas outras ofertas de ocio e, no verán, a praia ou o monte.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Dona Barriga Verde', de Larraitz Producións Artísticas.

Comeza o VI Festival Titiriberia en Rianxo

#2Pilgrims

Estrea galega na MIT de Ribadavia: #2Pilgrims, de Redrum Teatro