in ,

Comeza o VI Festival Titiriberia en Rianxo

Festival Titiriberia
Imaxe de Marcelino de Santiago 'Kukas' || Dona Barriga Verde, Larraitz Urruzola Producións Artísticas

O programa do festival, que celebra entre o 20 e o 24 de xullo no municipio rianxeiro a súa sexta edición, espallará a súa oferta cultural pola xeografía do concello ao repartir representacións e actos  por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados ou Rianxo. Titiriberia inclúe este ano un total de dez espectáculos, dúas estreas e unha coprodución coa Asociación Galega de Commedia dell’Arte.

O Festival Titiriberia de Títeres Tradicionais, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra dende hoxe e até o próximo sábado 24 de xullo a súa sexta edición na vila rianxeira baixo o lema Rianxo. Cachaporras de pau de laranxo.

O festival desenvolverase así por segundo ano consecutivo no municipio, co obxectivo neste 2021 de estreitar lazos coa veciñanza, fomentar a implicación comunitaria e descentralizar a actividade para espallar a oferta por diferentes parroquias do municipio. Así, o programa deste VI Festival Titiriberia comeza este martes 20 de xullo da man de Larraitz Producións Artísticas, que ofrecerá dúas funcións da obra Dona Barriga Verde.  A primeira sesión terá lugar ás 12.00 h. no Campo Maneiro, Taragoña, e estará reservada para a rapaza que participe nos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo, nos que tamén se desenvolverán no marco do festival obradoiros de construción de monicreques e de títeres en igualdade. A segunda función, no Centro Cultural Vicente Vidal, en Leiro, será ás 21.00 h. Ademais, a compañía brasileiro-exipcia Habib e Valeria ofrecerán en exclusiva para os participantes nos Campamentos de Conciliación un pase da súa obra O día em que a morte sambou.

Publicidade

A asistencia ás actividades do Titiriberia 2021 implica a reserva obrigatoria de localidades en https://concelloderianxo.gal/reservas ou no teléfono 981 100 688, nos prazos que se indiquen na publicidade específica de cada proposta.

Titiriberia 2021

O programa de Titiriberia inclúe dúas grandes estreas nesta sexta edición. A primeira delas chegará o venres 23 de xullo da man de Indignati (Asociación Galega de Commedia dell’Arte) que, coa colaboración na produción da Asociación Morreu o Demo, presentará o seu espectáculo Maldita Máscara, montaxe de Commedia dell’arte que mestura contos, música, acrobacia e máscara. A estrea terá lugar no Pazo do Rianxiño ás 20.30 h. A segunda estrea será ás 21.00 h. no mesmo espazo e correrá a cargo da compañía Babaluva, que dará a coñecer a súa peza Feira de sementes.

O programa, que despregará a súa oferta por Araño, Isorna, Taragoña, Leiro, Asados e Rianxo, inclúe outras grandes citas, como é o caso da xa celebre Varietés do Barriga Verde, un encontro escénico para o público adulto que reúne diferentes artistas nun espectáculo, conducido por Iria Pinheiro, que combina o cabaré, o teatro, os títeres e a música. As varietés do Barriga Verde celebrarase no Patio do CEIP ADR Castelao o 23 de xullo ás 23.00 h. e contarán coa participación de Larraitz Urruzola, Títeres Alakrán, Rafa Rey, Tero Rodríguez, Lucho Penabade e Malala. A música correrá a cargo dun cuarteto da Escola de Música de Rianxo. Ademais, no marco das Varietés do Barriga Verde presentarase o libro República Sideral, da dramaturga Esther Carrodeguas.

Neste VI Festival Titiriberia amosarán os seus espectáculos dez compañías, das cales oito son galegas (Larraitz Producións Artísticas, Seisdedos, Trécola, Paporrubio, Micromina, Indignati, Alakrán e Babaluva), unha catalá (La Fábrica Fantástica) e unha internacional, ao procederen os seus integrantes de Brasil e Exipto (Habib e Valeria).

Memoria e títeres

Neste 2021, o Titiriberia  buscará realizar encontros nos que se realizarán gravacións e entrevistas para recoller os testemuños de persoas de idade que lembran a Barriga Verde e a outras familias de titiriteiros tradicionais con presenza en Rianxo. Para iso establecerase colaboración co tecido asociativo e cultural do municipio. Ademais, o programa complétase con outras actividades como diferentes exposicións sobre os monicreques tradicionais, a presentacións de libros como Fábulas da montaña de Inacio Vilariño, unha mesa redonda moderada por Comba Campoi sobre a relación dos medios e os títeres na que participarán Xoán Carlos Riobó, membro do Consello de Redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro; Jorge Rey, titiriteiro que dirixiu a revista galega Bululú, especializada en monicreques; e Lara Rozados, xornalista e investigadora teatral.

O conxunto da programación desenvolveranse respectando tanto as distancias coma os aforamentos, así como todas as medidas de seguridade pertinentes. A entrada realizarase, ademais baixo reserva e toda as incidencias ou variacións que se poidan producir actualizaranse a través da páxina do Concello de Rianxo.

Exposicións

Ademais, dende hoxe até o sábado poderanse visitar no Auditorio Municipal de Rianxo tres exposicións diferentes. A primeira delas, titulada Onde foi Barriga Verde?, achega unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento. A segunda, A grande familia do Títere europeo, é un conxunto de paneis que recollen a xenealoxía de Barriga Verde e os títeres europeos: Pulchinella, Punch, Guignol ou Kasper. Por último, a mostra A Arte dos Silvent debulla a traxectoria desta importante familia na tradición titiriteira galega.

2021 Titiriberia scaled |

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premio PLATTA de Teatro Breve

Convocado o III Premio PLATTA de Teatro Breve en portugués

Festivais

Entre festivais: Cangas, Almada e Ribadavia