A obra, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, está dirixida por Alex Sampayo, escrita por Fernando Epelde e protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo.
Redrum Teatro estreará hoxe, mércores 21 de xullo, no marco da 37ª Mostra Internacional de Ribadavia a súa nova produción: #2Pilgrims. A obra, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, está dirixida por Alex Sampayo, dramaturxia de Fernando Epelde e cun elenco conformado por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. O espectáculo preséntase como unha comedia con grandes doses de absurdo que ten como obxectivo achegarlle a través do humor ao público adolescente unha fonda reflexión sobre as novas masculinidades. Trátase, polo tanto, dunha obra que nace da necesidade de encher un oco no teatro con espectáculos dirixidos ás novas xeracións que poñan o foco na reflexión sobre a igualdade e na concienciación fronte a violencia de xénero.
#2Pilgrims, a décimo quinta produción de Redrum Teatro, encaixa no marco do chamado teatro social, unha liña de traballo que a compañía leva desenvolvendo nos últimos anos a través de obras como A nena que quería navegar, que trata sobre o acoso escolar, ou Invisibles, montaxe que aborda a violencia de xénero. En #2Pilgrims atoparemos unha comedia de autoficción con grandes doses de absurdo que terá como pano de fondo o Camiño de Santiago para tratar temas como as novas masculinidades, o feminismo ou concienciación fronte á violencia de xénero.
A estrea, no marco da MIT de Ribadavia, terá lugar no Auditorio Manuel María da Casa da Cultura ás 20.00 h. Entradas á venda nesta ligazón.
Autoficción e redes sociais
Outro dos elementos fundamentais de #2Pilgrims é a especial atención que lles presta aos múltiples efectos que as redes sociais levan anos exercendo na forma de relacionarse das novas xeracións e de establecer relacións socioafectivas, achegando ao tempo un cuestionamento crítico ao respecto do mal chamado amor romántico. Con todas estes fíos, a obra realiza un chamamento á reflexión empregando, ademais da comedia e a parodia, a autoficción como un dos seus grandes recursos escénicas. Así, sobre o escenario mesturaranse as traxectorias persoais no mundo da interpretación de Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo coa ficción nun xogo escénico referencial, de xeito que as experiencias propias combinaranse con supostos ficticios que teñen no Camiño de Santiago o seu contexto escénico.
A compañía, tras desenvolver os ensaios durante unha residencia artística no Auditorio Municipal Constante Liste da Ramallosa grazas á colaboración do Concello de Teo, estrea hoxe #2Pilgrims na Mostra de Ribadavia. Despois iniciará unha extensa xira ao longo de 2021, que inclúe paradas como Triacastela (28 de xullo), Mondoñedo (29 de xullo), Rois (30 de xullo), Castroverde (31 de xullo), Rodeiro (1 de agosto), As Neves (3 de outubro), Vilalba (6, 7 e 8 de outubro), Oroso (15 de outubro), Cambre (24 de outubro), Muxía (27 de novembro) ou Padrón (10 de decembro).
Redrum Teatro
A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores, A nena que quería navegar ou Contos do Recreo) e diversos espectáculos para adultos, entre os que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019.