A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comunicou o pasamento do escritor e persoeiro histórico do teatro galego Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941) nas súas redes sociais durante as primeiras horas da tarde deste xoves. Foi a MIT a que quixo destacar o labor do autor outorgándolle o Premio de Honra Abrente no 2012.
O director da mostra, Roberto Pascual, quixo despedirse en redes do autor cun sinxelo “sempre na nosa memoria, querido Pancho”. Pascual era o encargado de ler no 2012 a acta do xurado que, entre outras cousas, sinalaba que ‘Francisco Pillado Mayor levou a cabo en solitario ou na compaña doutras destacadas personalidades do noso teatro coma Manuel Lourenzo, proxectos fundamentais e xa míticos para o desenvolvemento das artes escénicas contemporáneas coma o Diccionario do Teatro Galego, a Antoloxía do Teatro Galego ou os cadernos da Escola Dramática Galega’. Apuntaban tamén que ‘as súas tarefas e a súa actitude de esforzo, esperta á vontade creadora e crítica, son un exemplo das ramificacións e bondades pedagóxicas das artes escénicas, do valor do pensamento artístico e da necesidade dun novo concepto da economía social’.
Francisco Pillado foi un home que tivo moi presente moitas das vivenzas dos seus inicios como escritor e no mundo do teatro. Uns tempos moi difíciles da dictadura na que a censura o controlaba todo polo que sempre optou por defender e ‘recuperar o papel de debate e crítico do teatro’.
Impulsor do noso teatro en democracia
Francisco Pillado dedicou toda a súa vida ao teatro, dende ámbitos moi distintos. Compre recordar a importancia que tivo O Facho, grupo teatral clave na construción das artes escénicas galegas dende 1965 e da que foi promotor. Tamén a de grupos que tamén creou: Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) ou Elsinor Teatro (1990).
Foi traductor ao galego a Chékhov, Beckett, Strindberg , Genet e moitos outros, e foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Pero, sen dúbida, a súa maior achega foi o apoio a autores galegos mediante a edición dos seus textos en Edicións Laiovento. Dirixiu a editorial, creada en 1991 xunto con Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Couceiro, González Millares e Afonso Ribas, ata o ano 2014. A intensa dedicación a esta tarefa fixeron de Laiovento unha editorial de referencia, que publicou un amplo número de obras de ensaio, narrativa e teatro que, ben seguro, nunca terían visto a luz.